MISIÓN, VISIÓN, VALORES
VISIÓN
Entrepobos é unha organización con base social activista e dinámica interna participativa, equitativa e inclusiva. Mediante o desenvolvemento das súas capacidades e a sistematización das súas experiencias, contribúe á xeración de espazos de reflexión-acción transformadora e emancipadora, nos ámbitos de feminismos, soberanías e xustizas, cun enfoque local-global.
Traballamos na nosa sociedade e fomentamos o internacionalismo impulsando a cooperación solidaria entre persoas e pobos. Para iso promovemos redes e alianzas para o empoderamento social e a incidencia dende os movementos sociais.
MISIÓN
Entrepobos é unha asociación de mulleres e homes que traballamos pola equidade e a xustiza social, e promovemos alternativas para a sostibilidade da vida. Incidimos na crítica ao modelo de sociedade capitalista, denunciando as causas que xeran o empobrecemento, as inequidades e a degradación ambiental.
Fomentamos accións emancipadoras no noso contorno e apoiamos a interrelación coas que se desenvolven noutros países, entendendo a solidariedade internacional como o apoio mutuo entre persoas, organizacións e movementos sociais que, dende diferentes países e contextos, denuncian, loitan, propoñen e constrúen polo pleno exercicio dos dereitos humanos, políticos, económicos, sociais, culturais, así como polos da natureza. É dicir, o que noutros contextos se coñece como o “Bo Vivir”. Concebimos a cooperación como o traballo común e coordinado que leva á práctica esta vontade solidaria.
VALORES
CONCEPCIÓN INTEGRAL DA EMANCIPACIÓN
Sabemos que os movementos sociais estrutúranse a cotío arredor de problemáticas específicas. Pero, pódese dividir o discurso transformador en partes? Entrepobos subliña a súa complicidade estratéxica con todos aqueles colectivos que, en diferentes contextos, traballan por promover o diálogo, a interacción e a confluencia entre diferentes movementos, propostas e saberes para unha emancipación integral. Para iso necesítanse análises, propostas e experiencias inclusivas da diversidade e capaces de abordar a complexidade, loitar contra os exclusivismos, as lóxicas unidimensionais e as discriminacións no seo dos movementos emancipadores.
ASOCIACIONISMO, COOPERATIVISMO E LIDERADOS COLECTIVOS
Pensamos que os medios xustifican a fin. É dicir, que nas nosas prácticas cotiás e no noso xeito de organizarnos expresamos, máis fielmente que con declaracións, a sociedade pola que traballamos. Por iso, nos procesos de emancipación apostamos por que se escoiten todas as voces, polos liderados colectivos, participativos e inclusivos. Non se trata soamente de arrebatar o poder aos que o monopolizan, senón de socializalo a través do empoderamento, a implicación e a asunción de responsabilidades por parte das persoas e os colectivos, en lugar de depositalo de novo en liderados persoais, xerárquicos e patriarcais.
EDUCACIÓN POPULAR
Neste sentido destacamos o importante papel que xogou nas últimas décadas, o movemento de educación popular, aglutinado con base na obra de Paulo Freire, que segue a ser hoxe en día un referente, tanto no plano teórico como na experiencia práctica, para os procesos de empoderamento dos sectores sociais oprimidos.
AUSTERIDADE RESPONSABLE E SOLIDARIA
A coherencia entre fins e medios fainos reivindicar tamén a austeridade como criterio básico para a nosa acción. Non a austeridade invocada dende o poder, baseada na explotación e o engano, senón a que se fundamenta no respecto e a responsabilidade social e ambiental, coa comunidade, con todos os pobos e coas futuras xeracións.
INDEPENDENCIA E CAPACIDADE CRÍTICA
A visibilización de Entrepobos no que facemos, non é para a nosa organización unha finalidad en si mesma, pero ten a importancia de enmarcar cada acción concreta no contexto da estratexia xeral da nosa asociación, coa finalidade de promover a participación e a ampliación da nosa base social, obxectivo indispensable para manter a nosa independencia e capacidade crítica.
PÁXINAS
CONTACTO
Carrer d’en Blanco, 73 1º pis
BARCELONA – 08028
c +34 93 268 33 66 – +34 690 743 407
Proxecto web financiado por: