Por un Pacto Ecosocial coa desobediencia

Por definición, un pacto formula un acordo entre dúas ou máis partes, moitas veces solemne, onde se establece unha obediencia a cumprir os puntos establecidos no que pode ser ou non un contrato formal, en ocasións conseguido mesmo por debaixo da mesa.

Tan agobiante definición pode xerar confusións, máis cando de maneira errada se meten nun mesmo saco todos os pactos nacidos nestes convulsos tempos. Pese a iso, o Pacto Ecosocial do Sur non propón un acordo formal para cumprir unha folla de ruta pechada, nin propón unha listaxe de demandas dirixidas aos gobernantes. Non é un Pacto co Poder, nin para acceder ao Poder; este Pacto enuncia ideas de cambio das forzas sociais que o impulsan.

Vivimos a peor crise moderna da humanidade; unha crise que rebasa o azoute sanitario do coronavirus, pois descóbrense as fracturas multifacéticas e sistémicas da civilización dominante. No medio desa crise e, pese ao illamento físico, un grupo de persoas sintonizadas dende hai tempo, elaborou un documento curto propoñendo o que, ao meu xuízo, é un pacto coa desobediencia, buscando alternativas sistémicas e concertadas con diversos procesos sociais.

En clave de transicións (en plural), sen esquecer o horizonte utópico, formúlanse nove puntos de acción: unha transformación tributaria solidaria na que “quen ten máis, paga máis”;

  • anular as débedas externas estatais e construír unha nova arquitectura financeira global, como primeiro paso de reparación histórica da débeda ecolóxica e social contraída polos países centrais dende a colonia;
  • crear sistemas nacionais e locais de coidado onde a sostibilidade da vida sexa o centro das nosas sociedades, entendendo o coidado como un dereito que esixe un papel máis activo do Estado, en consulta e corresponsabilidade permanente con pobos e comunidades;
  • saír da trampa da pobreza extrema cunha renda básica universal que substitúa as transferencias condicionadas focalizadas de herdanza neoliberal;
  • impulsar a soberanía alimentaria combinada con políticas que redistribúan a terra, o acceso á auga e unha profunda reforma agraria, afastándose da agricultura industrial de exportación e os seus nefastos efectos socioambientais;
  • construír economías e sociedades postextractivistas para protexer a diversidade cultural e natural dende unha transición socio-ecolóxica radical, impulsando saídas ordenadas e progresivas da dependencia do petróleo, carbón e gas, da mineiría, e dos grandes monocultivos, freando a deforestación masiva;
  • recuperar e fortalecer espazos de información e comunicación dende a sociedade, actualmente dominados polos medios de comunicación corporativos e as redes sociais que forman parte das corporacións máis poderosas dos nosos tempos, para disputar os sentidos históricos de convivencia;
  • fortalecer a autonomía e sostibilidade das comunidades locais fronte á fraxilidade das cadeas globais de produción, para potenciar a riqueza dos esforzos locais e nacionais;
  • e, concluíndo esta listaxe sempre preliminar, propiciar unha integración rexional e mundial soberana, favorecendo os sistemas de intercambio local, nacional e rexional, con autonomía do mercado mundial globalizado e enfrontando o monopolio global corporativo.

Moitas destas ideas aparecen noutros documentos elaborados nestes anos, non só durante a pandemia. A diferenza radica en que este Pacto Ecosocial propón accións concretas a curto prazo sen esquecer as utopías e a imperiosa necesidade de construír imaxinarios colectivos, para acordar un rumbo compartido de transformacións radicais e unha base para camiñar con plataformas de loita nos máis diversos ámbitos das nosas sociedades.

A crise que se puxo de manifesto pola pandemia potenciou as desigualdades e amosa, se cabe con máis brutalidade que antes, a incerteza e fraxilidade do noso futuro, sempre en xogo. Tócanos enfrontar un mundo desigual e inequitativo en extremo, pragado de todo tipo de violencias (patriarcais, racistas, extractivistas…) que aumentan aceleradamente coa pandemia. Pero tamén é unha enorme oportunidade para (re)construír o noso futuro dende principios básicos para unha vida digna: o coidado, a redistribución ou o reparto, a suficiencia e a reciprocidade, dende bases comunitarias e autonómicas antes que estatais. En concreto, o campo principal de acción aparece onde podemos actuar propiciando vidas mancomunadas, en espazos comúns: plurais e diversos, con igualdade e xustiza, con horizontes construídos colectivamente, para resistir o crecente autoritarismo e construír simultaneamente todas as alternativas posibles.

En realidade este Pacto vén dende abaixo, dende os movementos sociais e a Nai Terra (orixe e base de todos os dereitos); iso sen ocultar a responsabilidade dos que o redactaron. Este Pacto xurde, en definitiva, dende múltiples loitas de resistencia e de re-existencia na nosa rexión, mesmo se sintoniza coa longa memoria dos pobos orixinarios, algunhas de cuxas máis importantes organizacións o respaldan.

Así, dende esas loitas, reflexións e realidades se propón este Pacto Social, Ecolóxico, Económico e Intercultural dende o Sur, dende América Latina, dende Abya Yala e Afro-Latinoamérica, proxectándoo aos sures do mundo, convocando a desobedecer e confrontar o poder para enterrar o mundo do capital e crear un mundo novo. E para conseguilo, camiñando dende o aquí e o agora, as persoas que escribimos este Pacto buscamos horizontes de transformación civilizatoria, en esencia postcapitalistas, tanto para superar o antropocentrismo, como a colonialidade, os racismos e o patriarcado. O fin é construír un mundo onde caiban moitos mundos -un pluriverso- pensados dende as perspectivas, desexos e loitas dos pobos e os seus dereitos.-

 

Alberto Acosta. Economista ecuatoriano. Profesor universitario. Compañeiro de loita dos movementos sociais. Xuíz do Tribunal Internacional dos Dereitos da Natureza. Ministro de Enerxía e Minas de Ecuador (2007). Presidente da Asemblea Constituínte de Ecuador (2007-2008).

 

Imaxe da portada: https://www.connectas.org/peru-semana-jovenes-salvaron-historia/