Activistas pola vida en Centroamérica

Centroamérica é unha das rexións máis privilexiadas, e duras ao mesmo tempo, do planeta. A súa ubicación, conectando o Norte e o Sur de Abya Yala –terra en plena madureza, como chamou o pobo kuna a América-, entre o Caribe e o Pacífico, atravesada por cordilleiras e volcáns, bosques e selvas tropicais, sacudida por furacáns e terremotos, converteu esta estreita cintura nunha paisaxe orixinal rebordante de auga e biodiversidade, ademais de riquezas minerais.

No que hoxe son Guatemala e Honduras, asentáronse os pobos que deron orixe á civilización maia, unha das máis complexas e avanzadas da antigüidade. Porén, estes pobos viron bruscamente truncado o seu devir hai uns 500 anos, coa chegada dos galeóns, a pólvora, o cabalo, a varíola e a cruz da colonización española. A partir de entón interrompeuse o desenvolvemento endóxeno da súa economía, sociedade e cultura, e impúxose outro tipo de desenvolvemento orientado ao servizo das sucesivas potencias coloniais que os parasitaron.

Estas potencias botaron man tamén do secuestro de centos de miles de persoas en África para esclavizalas en minas, plantacións e servidumes domésticas, cuxa descendencia atopamos hoxe principalmente na costa atlántica da rexión.

Baixo maneiras e actores diferentes, e ata os nosos días, o colonialismo tivo como finalidade principal a apropiación desas materias primas que a rexión ofrecía, e segue ofrecendo, en abundancia.

Precisamente é a isto ao que o economista ecuatoriano Alberto Acosta denomina “a maldición da abundancia”. Actualmente as rexións máis ricas en bens naturais, parecen condenadas a vivir nas sociedades máis desiguais e violentas. E hoxe esa maldición ten un diagnóstico: extractivismo.

Vivimos nun mundo no que o 1% da poboación mundial posúe tanto diñeiro líquido ou investido como o 99% restante. No que o valor nominal dos derivados financeiros supera en moito máis de 10 veces o valor do PIB mundial. E no que unha grande parte destes investimentos financeiros, demandan a extracción a gran escala de materias primas, para exportalas en cadeas transnacionais para a súa transformación industrial en enerxía e “bens de consumo”, e, polo tanto, en beneficios lucrativos, unha grande parte destes beneficios acaba acubillado en paraísos fiscais. Ao mesmo tempo moitas destas materias primas son cada vez máis escasas, é dicir, teñen un horizonte de esgotamento máis próximo, o que acentúa a súa cobiza, en lugar da súa protección.

Se, noutros tempos, a apropiación dos bens naturais se fixo mediante un réxime colonial directo, agora este papel Lévano a cabo os chamados “tratados de comercio e investimento”, entramados xurídicos que blindan os dereitos dos investidores, empresas ou grupos transnacionais, por riba do resto de dereitos implicados.

E é que o desenvolvemento pleno do extractivismo acaba requirindo modelos políticos coercitivos e autoritarios, sen mecanismos de control, diálogo ou compensación. Require a eliminación de trabas ao seu desenvolvemento, como son as institucións e leis que regulan a protección da natureza, as liberdades cidadás, a vida libre de violencias para as mulleres ou o control da corrupción.

Centroamérica é unha desas rexións do mundo na que a presión dos intereses extractivos sobre os ecosistemas, sobre as comunidades humanas e sobre a gobernabilidade democrática é tan intensa que crea unha atmosfera irrespirable.

Tan irrespirable que miles de familias se ven abocadas a un éxodo de alto risco: máis de 3 millóns e medio lograron esquivar os muros de Estados Unidos e 800 mil solicitaron asilo en Europa -ás que se suman outros centos de miles de rexeitadas ou invisibilizadas-. Irrespirable especialmente para as mulleres, albo de todas as maneiras de violencia patriarcal, cos máis altos índices de feminicidios e impunidade no mundo. Irrespirable para calquera persoa que se empeñe en defender os seus dereitos, os da súa comunidade ou os da natureza, como testifican as cifras de defensoras criminalizadas, acosadas e asasinadas na última década.

Pero teríamos unha visión moi parcial do que está a ocorrer en Centroamérica se soamente dirixíramos a nosa ollada cara a estas tendencias destrutivas. Como adoita dicir o ambientalista mexicano Gustavo Castro, se hai conflito é porque hai resistencia.

Ao mesmo tempo que todo o anteriormente descrito, hoxe, tanto en Honduras como en Guatemala, vemos a centos de comunidades indíxenas e campesiñas plantándose nos seus territorios fronte a poderosos intereses e conseguir en moitos casos protexelos. Vemos tamén as mulleres xogando un papel cualitativamente decisivo nestas resistencias e facéndose valer fronte a todo tipo de fustrigadas patriarcais. Vemos comunidades definindo os seus proxectos de vida, baseados tanto nas cosmovisións ancestrais herdeiras das súas matrices culturais orixinarias, como en conceptos e prácticas acuñadas por movementos sociais das últimas décadas como a soberanía alimentaria, a agroecoloxía, a economía social, a autoxestión territorial ou os feminismos. Ou dando pé a conceptos mixtos como o do feminismo comunitario.

A vida exprésase a través destas persoas e comunidades diversas que, contra prognóstico, arríscano todo tratando de converter en osíxeno socialmente respirable a atmosfera tóxica do extractivismo. Tal como din, “somos a natureza defendéndose”… E defendéndonos, a toda a humanidade, habería que engadirlle.

Nestes tempos en que nos países industrializados esperta a conciencia sobre a emerxencia climática e ecolóxica, estes rostros e voces que nos chegan dende Centroamérica propoñen a necesidade de cuestionar o modelo de crecemento ilimitado de consumo material como base do benestar. A súa mensaxe advírtenos de que, esgotando os bens naturais e a biodiversidade destes territorios, estamos socavando as mesmas bases da nosa propia supervivencia.

Convídannos a responder á cadea transnacional do extractivismo coa cadea internacional da solidariedade, é dicir, da conciencia de que neste mundo social e ecoloxicamente interconectado, cada agresión a unha persoa defensora, cada extinción dunha nova especie, cada hectárea de bosque incendiado, cada río secuestrado, sexa onde for, aféctanos cada vez máis directamente.

Protexer as comunidades que defenden os seus territorios e as súas culturas é, pois, protexer a cadea global da vida. E podemos facelo de varias maneiras, entre elas:

– Poñendo a intención nos nosos hábitos personais e familiares, para diminuír o consumo, apostando polos circuítos de proximidade e a reciclaxe, evitando alimentar as cadeas transnacionais do extractivismo e as vulneracións de dereitos.

– Esixindo aos nosos gobernos que promovan mecanismos internacionais vinculantes de defensa dos dereitos humanos e da natureza, fronte á impunidade con que demasiados investimentos transnacionais evaden hoxe as súas responsabilidades.

– Abrindo os nosos ollos aos rostros e nomes das persoas e comunidades que están sendo ameazadas por defender os seus territorios. Achegándoas, para facerlles presente a nosa compañía. Con accións de presión para que as institucións nacionais e internacionais non se desentendan da obriga de protexer a vida por riba de todo. Rexeitando o acoso, o uso da violencia e o asasinato como recursos válidos no investimento empresarial.

– Apoiando no noso país os dereitos das persoas inmigrantes-refuxiadas, que tiveron que fuxir da violencia e a destrución de condicións de vida digna, fronte ás leis e prexuízos xenófobos e racistas.

É por esa contribución que queremos agradecer en primeiro lugar ao fotoxornalista e amigo Gervasio Sánchez que teña posto o seu ollo e a súa cámara, a súa profesionalidade solidaria e o seu tan solicitado tempo a disposición deste proxecto de “Activistas pola Vida”, que, articulado en torno a unha exposición fotográfica, desprega unha serie de formatos audiovisuais, comunicativos  e didácticos para tender unha ponte de solidariedade coas persoas defensoras e as súas comunidades. E, por suposto, a todas as persoas protagonistas desta historia, as que aparecen e as que preferiron non aparecer, ás queridas organizacións e comunidades de Guatemala e Honduras que nos brindaron a súa confianza e a súa colaboración para que este proxecto fora posible. Ao Institut de Drets Humans de Catalunya que nos acompaña no proxecto. E á Agència Catalana de Cooperació al Desenvolupament que creeu e apostou dende o primeiro momento por esta proposta.

Agora a continuidade desta historia está tamén nas túas mans.

 

Àlex Guillamón. Entrepobles