A pandemia xerou unha explosión das débedas domésticas
As contas impagadas por alugueres e servizos de luz, auga, gas e acceso a conectividade medraron a ritmo acelerado nestes meses de illamento social para protexerse do coronavirus. O carácter feminizado das economías precarizadas son hoxe obxecto preferido de endebedamento.
A corentena pode lerse dende o punto de vista de cales son os movementos que xeran débedas e cales os que xeran rendas. Con ese método, non só se evidencia quen pode quedar na casa e quen non. Tamén como moverse ou ficar ten efectos diferenciais en termos de ingresos e débedas.
Por iso, non hai xeito de pensar a crise habitacional, sen a débeda en aumento de inquilinas e inquilinos, así como non se acadou a pór de manifesto a falla de acceso a conectividade nos barrios máis precarizados ata que a débeda por móbiles se evidenciou como un custo exorbitante en plena pandemia. A renda inmobiliaria e a renda financeira aproveitan a inmobilidade.
Que papel está a xogar o endebedamento a nivel global e a nivel doméstico neste momento de crise? Na nosa investigación Una lectura feminista de la deuda (2019) temos analizado cómo o endebedamento público, acelerado exponencialmente nos últimos catro anos, se traduciu en políticas de axuste que se botaron enriba dos fogares como débeda doméstica.
Xunto á inflación asoballante e a consecuente perda de poder adquisitivo de subsidios e salarios, produciuse unha realidade na que se tornou obrigatorio o endebedamento para acceder a bens tan básicos como alimentos e medicamentos. Aquí a débeda doméstica aparece na súa dimensión máis política: como xeito de metabolizar os efectos de axuste, o quel obriga a completar os ingresos sempre insuficientes para un consumo de produtos cada vez máis dolarizados (alimentos, medicamentos, alugueres).
Desta maneira, a débeda nas familias opera tamén como mecanismo que obriga á precarización: á aceptación de traballos cada vez peor pagados. Isto fai que as débedas terminen organizando e comandando as formas laborais, sendo un motor interno da flexibilidade sen límites e unha maneira de explotación que acada intensificarse e adaptarse a realidades laborais cada vez máis heteroxéneas.
As finanzas, desposuídas do puro tecnicismo e pensadas no seu impacto cotián, deben comprenderse en termos dunha lóxica extractiva do capital, organizando o que chamamos “extractivismo financeiro”.
Vivenda e aluguer
Nos meses de illamento social, preventivo e obrigatorio constátase o aumento acelerado da pobreza e situacións de precariedade xeralizada e, en consecuencia, o incremento moi forte de débedas nos fogares. A diminución de ingresos para a grande parte da poboación que non ten emprego asalariado fixo, o recorte de soldos mesmo para os que si o teñen, e os despedimentos forman parte da paisaxe de veloz pauperización e o suplemento da débeda á hora de “salvar” o momento.
Queremos puntualizar aquí as novas maneiras de endebedamento que se están producindo na crise, a partir dun traballo de enquisas e entrevistas que realizamos sumado a outras fontes que vimos sistematizando. Un dos centros do conflito actual é a vivenda.
A partir do imperativo #QuedanaCasa revelouse a dificultade do que isto significa no contexto actual e, en particular, co aumento da violencia de xénero que se rexistra en condicións de confinamento. Amoreamento, barrios enteiros sen auga e alugueres que se tornan impagables. Isto é efecto do acelerado proceso de financiarización do acceso á vivenda (cada vez máis cara e escasa) e que ten na toma de terras un dos seus elos evidentes.
Segundo unha enquisa realizada mensualmente pola Federación de Inquilinos, máis do 60 % dos que alugan endebedáronse dalgunha maneira (con préstamos bancarios e non bancarios ou con familiares ou amizades) fronte á imposibilidade de pagar o aluguer dende maio.
A débeda por razón da vivenda expresa o que denominamos violencia propietaria: que se concreta no abuso directo de donos e inmobiliarias que aproveitan a situación crítica para ameazar, amedrentar, non renovar contratos ou directamente desaloxar. Sobre todo, é caldo de cultivo para forzar ao endebedamento e, a medida que os meses pasan, a financiar débeda con máis débeda.
Sabemos que para moitos fogares, a débeda é o primeiro chanzo cara ao desaloxo e, á vez, a maneira de aprazalo, de postergarlo. Pero esa violencia propietaria tamén recrúa no mercado inmobiliario informal, cando as casas son habitacións de hotel ou cuartos alugados nunha vila ou casas compartidas en asentamentos, onde en xeral non hai contrato nin recibo de pagamento polo medio, pero os custos e o axuste inflacionario dos montos son iguais ou maiores dos que implica o aluguer dun apartamento pequeno.
É unha novidade das tomas de terras destes meses que a meirande parte dos que explican a súa situación refírense á imposibilidade de seguir pagando alugueres e a débedas acumuladas por vivenda.
Estas débedas, ademais, buscan confiscar dende agora ingresos do futuro: sexan soldos ou subsidios por vir; ou, directamente, obrigan á asunción de novas débedas con circuítos familiares e informais. Isto tamén se converte nun botín para as financeiras que están comprando propiedades con débedas. O que, á súa vez, crea unha analoxía cun circuíto global de fondos de investimento que en varios países do mundo hoxe están facendo grandes negocios cos desafiuzamentos e desaloxos.
Feminización da pobreza
É ademais necesario analizar como intervén a situación de endebedamento doméstico sobre a realidade desa fenda entre traballo non remunerado e traballo remunerado. A circunstancia de emerxencia pola crise acelerada pola covid-19 intensificou o endebedamento de mulleres que xa se viña observando durante os últimos anos. Segundo datos da Dirección de Economía, Igualdade e Xénero do Ministerio de Economía, 1.900.000 das receptoras da Asignación Universal por Fillo (AUH) teñen débeda coa Administración Nacional da Seguridade Social (ANSES).
Este fenómeno diversificouse e incrementouse durante a pandemia, cando as débedas “non bancarias” por alugueres e servizos de luz, auga, gas e conectividade medraron a ritmo acelerado, o cal faise aínda máis intenso nos fogares monomarentais, convertendo o endebedamento noutra maneira máis de intensificación das desigualdades de xénero.
Segundo unha enquisa mensual da organización Inquilinos Agrupados, o endebedamento por alugueres medra exponencialmente nos fogares onde hai un único ingreso ou onde viven nais solteiras con fillos e fillas.
Nos barrios populares, nos que a emerxencia sanitaria e a restrición de ingresos impactou máis forte, as débedas por conectividade -é dicir, para mercar datos para soster a educación pública a distancia- incrementáronse notablemente, absorbendo mesmo boa parte do IFE.
A situación é paradoxal no seu dramatismo: o incremento das tarefas de coidado, ademais de intensificar o traballo non remunerado que implica facerse cargo da escolaridade das crianzas dentro dos fogares, xera máis débeda.
O traballo non recoñecido nos fogares tradúcese nunha desigualdade de ingresos que, á vez, se transforma en engrenaxe de endebedamento. É esta situación de endebedamento compulsivo e reiterado, ademais, a que produce unha relación directa co crecemento das economías ilegais como oferentes de emprego en situacións de alta vulnerabilidade.
Se algúns analistas falan do traballador actual como un “recolector de ingresos”, que xa non pode garantir a súa reprodución a través dun salario único e estable, podemos falar da “recolectora de débedas” como unha figura expresiva do afondamento do despoxo e a precarización que se adoita nomear como feminización da pobreza.
Nesta liña, é fundamental subliñar o carácter feminizado das economías precarizadas que son hoxe obxecto preferido de endebedamento. Unha lectura feminista dol problema financeiro, tal como o vimos desenvolvendo, confronta a dinámica abstracta das finanzas na súa relación coa vida cotiá, coas maneiras da violencia nos fogares e nos diversos territorios e coas modalidades actuais de explotación do traballo, remunerado e non remunerado.
Quen pagará a crise?
Esta situación non se xerou dun día para outro. Hai unha xenealogía que moi rapidamente se pode sintetizar para a nosa rexión. Se nos anos 80 o endebedamento disciplinou as transicións democráticas en América Latina, como vía de saída das ditaduras; despois, nos 90, a maneira Consenso de Washington das reformas neoliberais impuxeron novas marcas de débeda; e estes últimos anos asistimos a un forte relanzamento da penetración financeira sobre os nosos países, combinada con situacións de pobreza e despoxo de recursos cada vez máis intensivas.
Esta colonización financeira derramada en termos de débeda doméstica tomou como territorio de conquista as poboacións máis empobrecidas e precarizadas. Isto vincúlase á súa vez, en termos retroactivos, co xeito no que se conectaron os subsidios sociais coa bancarización masiva, nun proceso que leva máis dunha década na rexión.
Cando a relación de débeda se derrama cara abaixo, difúndense os efectos da débeda tomada polos Estados a modo de fervenza. É dicir, os despoxos e privatizacións aos que obriga o endebedamento estatal tradúcense como endebedamento compulsivo cara aos sectores subalternos, que pasan a acceder a bens e servizos a través da mediación da débeda. Isto ten o efecto, tanto de modificar a relación entre ingreso e débeda, como tamén entre débeda e acceso a dereitos.
E aínda máis: esta cartografía específica permite ver sobre que corpos, economías e territorios esa débeda se produce. Esta é a metodoloxía feminista que vimos despregando, que vai das finanzas aos corpos. A quen se endebeda? Como? Con que taxas de interese? Que tipo de traballo, remunerado e non remunerado, caracteriza á poboación máis endebedada? Estas foron algunhas preguntas que nos últimos anos temos desenvolto, tanto en termos de acción política como de produción de coñecemento e información.
A investigación na pandemia empeza revelando a multiplicación das débedas privadas na crise e nos traballos e territorios domésticos e comunitarios que explota e permite trazar, á vez, os dilemas políticos do momento.
Por unha banda, constátase como grande parte do IFE outorgado polo goberno nacional e os ingresos por subsidios e salarios son absorbidos polos bancos, supermercados, empresas de telecomunicación, empresas de plataformas e pagamento de débedas. E, por outra, que os xeitos da precarización laboral que vemos acelerarse expresan as disputas no interior da crise.
O capital –e as ofensivas patronais e financeiras nas que se expresa- aproveitará a situación de crise para reconfigurar as modalidades de traballo, os xeitos de consumo, os parámetros de ingreso e as relacións sexo-genéricas. Máis concretamente, podemos pensar que estamos diante dunha reestruturación das relacións de clase que toma como escena principal o ámbito da reprodución social. Isto inclúe os fogares, pero tamén os traballos reprodutivos que se fan máis alá das paredes da vivenda.
Sen dúbida, hai sectores para os que o momento actual non só non significa unha detención das súas actividades debido á corentena, senón que representa polo contrario unha oportunidade para acelerar a súa propia lóxica de ganancias, que tira proveito da inmobilidade endebedada, esa que toma corpo nunha domesticidade cada vez máis explotada e precaria.
Luci Cavallero e Verónica Gago, Investigadoras GIIF-UBA-Conicet (Arxentina)
Boletín 74: Activistas pola vida