O noso compromiso dende as Organizacións territoriais de Entrepobos

Joana M. Perelló – Activista da OT EPMallorca e voceira da Xunta Directiva

Sempre me considerei unha persoa activa, comprometida e vinculada dunha maneira ou doutra co mundo do voluntariado coa idea, moi persoal claro está, de facer as cousas pensando non só en min mesma, senón nos demais e no mundo en que vivimos. E neste compromiso sempre tendín a inclinarme polos máis novos e polos máis vulnerables, tanto dende o meu activismo como dende a miña profesión.

No meu caso, ser voluntaria e activista manifestouse como unha opción de vida mesmo antes de que eu mesma fora realmente consciente diso. Tomando as palabras de J.Mújica, «abrazarme á vida, abrazarme a unha causa», forma parte do meu «mantra» persoal, que me reafirma día a día no meu convencemento e no meu xeito de facer e estar neste mundo. Porque se non é así… que facemos aquí?

Entendo que vivir, máis alá de cubrir as miñas necesidades básicas, implica cuestionarme a miña maneira de estar aquí, en perxuízo doutras persoas e territorios, ser crítica co que pasa ao mei redor, identificar e sinalar as causas e os responsables que provocan as inxustizas e denuncialo. É aprender dos pobos orixinarios a súa extraordinaria capacidade de vivir en harmonía coa Nai Terra respectándoa, coidándoa e buscando o ben común, é construír dende o colectivo para xerar redes de apoio mutuo… e é intentar buscar, por riba de todo, a coherencia persoal para levar un estilo de vida o máis acorde posible cunhas opcións de consumo éticas e responsables, tropezando de vez en cando con contradicións que hai que aceptar e superar para seguir avanzando.

E foi neste deambular cando nos atopamos, alá polo ano 2000 en Mallorca, un grupo de mozas que viñamos de camiños distintos, pero que partillabamos as mesmas inquietudes de querer vivir, de maneira comprometida, por un mundo máis xusto e que tiñamos un nexo en común, unha persoa que nos uniu e que foi un grande mestre para todos nós: José Manuel. Él, recén chegado de Brasil despois de moitos anos convivindo cos máis desfavorecidos e acompañando movementos como o MST, co seu carisma e entusiasmo e co seu gran espírito crítico, confrontábanos coa realidade, facendo que nos cuestionáramos sempre sobre as cousas para non quedar como uns meros observadores, e falábanos daquelas persoas que alá formaban parte da «tribo de homes e mulleres que dende o cotián, traballan para humanizar a vida e para coidala, protexela, defendela e promovela onde sexa máis necesario…», persoas que fan parte da comunidade de Pere Casaldàliga.

Nós queríamos buscar a nosa propia tribo aquí e atopámola en Entrepobles. A carta de presentación foi Mª Gabriela Serra, quen daquela era a coordinadora da organización, e que nos transmitiu, coa súa empuxada e enerxía, a mensaxe de compromiso que se agochaba detrás desta asociación. Convenceunos esta maneira de entender a solidariedade internacional, dende a cooperación entendida como estratexia de traballo e de apoio mutuo entre persoas, organizacións e movementos sociais, cunha responsabilidade social e de restitución, acompañando e partillando as loitas, puntos claves para a verdadeira transformación social. E ademais, co valor engadido que dende cada un dos territorios cada OT tiña autonomía propia para canalizar a participación e a acción da maneira que considerara oportuna, partindo do activismo voluntario de cada unha das persoas asociadas que, ao fin e ao cabo, son as que dan coherencia e independencia á organización. Así pois, pareceunos o espazo idóneo para continuar camiñando xuntos e no 2001 constituímonos como organización territorial de EP en Mallorca.

Na nosa primeira etapa priorizamos constituírnos formalmente, cohesionarnos como grupo e, sobre todo, formarnos, sempre respectando o ritmo e a implicación que cada quen podía aportar. Ao mesmo tempo, tiñamos ganas de coñecer dende máis adentro as entrañas de EP: como traballabamos ao outro lado, con quen, como nos vían… E así, no verán do 2003, tivemos a oportunidade de viaxar a Cuba a coñecer de perto algúns dos proxectos que acompañábamos en rela ción a educación, agricultura e sanidade. Foi unha experiencia moi enriquecedora, tanto como grupo como polo que supuxo comprobar de primeira man como EP entendía a solidariedade e a cooperación, promovendo modelos de desenvolvemento que partían das necesidades e capacidades locais, sempre acompañando dende a horizontalidade e co apoio mutuo. Progresivamente adentrámonos máis na organización, participando das asambleas anuais, coñecendo a compañeiros e compañeiras doutros territorios, preguntándolles que facían, como se organizaban…,empezando a establecer lazos de amizade e complicidade.

Tamén o feito de presentar proxectos de cooperación ás nosas administracións públicas, foi un xeito de ir coñecendo as nosas contrapartes en Guatemala, Nicaragua, Ecuador, Brasil, Perú…, facendo o seguimento e asumindo un papel activo. E nestes últimos anos, formar parte das comisións de traballo do noso plan estratéxico, participar dos encontros anuais coas diferentes OTs e das escolas de verán,…, completan este camiño. Camiño que foi sacudido de xeito repentino en 2006 coa perda do noso compañeiro e amigo José Manuel. O grupo resentiuse moito, pero tiñamos claro que debíamos continuar co legado que él nos deixaba e que ata o último día nos animou a seguir.

E así chegamos a onde estamos agora, onde temos un papel máis activo formando parte da xunta directiva, espazo no que verdadeiramente te decatas do que, como e por que da nosa organización. Participar das xuntas é toda unha escola de aprendizaxe, onde se mesturan as xeracións, se aportan experiencias vividas e novas ideas e, combinando todo, acontece un traballo en equipo e compartido cos voluntarios máis activos dos diferentes territorios, os cooperantes e o equipo da oficina técnica.

Persoalmente, despois de ter vivido experiencias como a de Cuba, a de Brasil, coñecendo as xentes dos campamentos e asentamentos do MST na zona da periferia de Sao Paulo, o voluntariado de un ano en Perú acompañando a comunidades afectadas polas actividades extractives, defendendo o seu dereito a decidir sobre os seus territorios como pobos orixinarios e o empuxe destas mulleres, batallando en primeira fila para loitar polos seus dereitos e, máis recentemente, a vivencia de ter participado na Caravana Abrendo Fronteiras a Melilla, para denunciar a vulneración dos DDHH das persoas en movemento en Europa,…, reafírmanme no mantemento de que a loita e a defensa dos dereitos humanos e sociais non a podemos facer soas, senón dende unha ollada global e a acción local.

Por iso, dende EP entendemos que para a verdadeira sensibilización e para incidir social e politicamente, para transformar as causas que xeran as inxustizas, hai que traballar dende redes locais, nacionais e internacionais. E, concretamente en Mallorca, isto témolo feito sempre vinculadas con outros colectivos do noso territorio, cos que partillamos obxectivos comúns, como por exemplo no Foro Social de Mallorca e a Asamblea de Movementos Sociais, na Plataforma contra os Tratados de Comercio e Investimento, coa Rede pola Soberanía Enerxética, con MBM para parar as prospecións no noso Mediterráneo… Ao mesmo tempo damos apoio colaborando en campañas relacionadas coa defensa do territorio fronte ao turismo, entendido xa como outra «actividade extractiva» deste mundo occidental.

E chegadas aquí, no 30 aniversario de EP, case dezasete anos despois de térmonos constituído en Mallorca, o grupo mantense e seguimos, coidando unhas ás outras, mantendo a firmeza do compromiso de seguir traballando para transformar e denunciar este capitalismo depredador, resistindo e impulsando un mundo en condicións de xustiza para todas. Temos claro que EP é o lugar, é o espazo dende onde podemos levantar a voz e visibilizar todas estas causas e loitas… É onde queremos estar e seguir estando durante moitos anos máis…