9 Seguimos tecendo redes de feminismos internacionalistas

Montse Benito (Comisión de feminismos)

Vimos de lonxe,
temos unha longa historia feminista,
e un percorrido de moitos 8 de marzo
tomando a rúa, a praza, a palabra co propósito
de subvertir a orde do mundo
e o discurso heteropatriarcal,
racista e neoliberal.

(http://www.feministas.org/convocatorias-8-de-marzo-2018-dia.html)

 

Escribo estas liñas para publicar neste boletín de conmemoración do 30 aniversario de Entrepueblos-Entrepueblos-Entrepobos-Herriarte coa necesidade de transmitir unha forte convición que mantivemos dende os nosos inicios, a capacidade de transformación social dos movementos feministas, movementos feministas transgresores coas relacións de poder capitalista e hétero-patriarcal nos diferentes países e culturas. Uns movementos feministas que, a partir da experiencia máis colectiva vivida neste século xxi de «crise global»,  empezaron a falar dende outros ámbitos da complexida de e desafíos do que podemos denominar «conflito capital vida». Identificámonos moito con Cristina Carrasco cando afirma que «A economía feminista aposta pola vida humana, e non polo beneficio capitalista». (1)

Estes «saberes e formas de facer» feministas visibilizáronse de forma nidia este pasado 8 de marzo, cando millóns de mulleres en todo o mundo tomamos as rúas convocadas polas organizacións feministas compartindo un grito colectivo, indignado, reivindicativo e, á vez, esperanzado. Redes formais e máis espontáneas traballaron durante meses xerando fortes vínculos e vivindo con intensidade este proceso colectivo e global. O meu recoñecemento e agradecemento a todas as mulleres que tiveron a iniciativa política e a determinación para impulsar esta forma de protesta #huelgafeminista, empezando polo Colectivo «Ni una Menos» de Arxentina, cuxa chispa na primeira convocatoria de 2017, prendeu a chama en máis de 170 países un ano despois.

Esta #huelgafeminista, como escribe Justa Montero (2), constituíu «unha protesta global, claramente política, cargada de emoción e razón (dous elementos imprescindibles para a 1. Entrevista na revista la Directa núm. 380 2. Dossier nº 92 «Visibilizando lo invisible». Economistas sin fronteres (2018) revolta feminista), respondendo a un chamamento que esixía un cambio e cuxo impacto político, social e mediático está por valorar en toda a súa dimensión». As reivindicacións feministas do #8M nas que participamos puñan no centro as condicións de vida concretas das mulleres; sentímonos interpeladas, apeladas a expresar os malestares acumulados polas inxustizas que atravesan as nosas vidas e a forma como a sociedade as trata: asasínannos e agrédennos sexualmente; as nosas vidas son precarias e están atravesadas de inxustizas e desigualdade; fálannos dunha igualdade enganosa e duns cambios que nunca chegan; non hai lugar no que o machismo non marque a nosa vida cotiá manifestándose de moi distintas formas.

Nestes 30 anos de existencia o noso achegamento a outros continentes permitiunos coñecer máis profundamente as realidades diversas e plurais das mulleres. Temos traballado para que a axenda feminista fose internacional, abordando os problemas específicos en cada territorio, os fenómenos ou procesos internacionais que están na súa raíz: o heteropatriarcado, o capitalismo, o neocolonialismo e o racismo. As nosas aprendizaxes nestes anos van na liña de traballar para reforzar os múltiples lazos que unen as diversas loitas feministas para convertilas en accións globais.

En especial en América Latina as mulleres protagonizaron as mobilizacións sociais en contra das empresas extractivas destrutoras de vida, foron criminalizadas, represaliadas e deron a vida pola defensa do territorio eos bens comúns. É importante a solidariedade, a defensa e a protección das mulleres defensoras que se enfrontan a esta realidade dende unha situación de maior vulnerabilidade. Apóñenselle crimes non só pola súa acción activista, senón tamén polo quebrantamento do rol que tradicionalmente se lle atribúe ás mulleres ao participar na esfera pública. As defensoras son, por iso, non só vítimas da violencia política polo exercicio do seu trabajo, senón tamén de actos de violencia machista, abuso sexual e feminicidiopolo feito de ser mulleres.

As políticas extractivas e o incremento dos megaproxectos na rexión, o peche de espazos democráticos e o aumento da militarización son só algúns dos factores que xeraron o aumento, nos últimos anos, da violencia exercida contra as defensoras de dereitos humanos en América Latina. Tal como dicía Berta Cáceres, activista feminista, ambientalista, lideresa de pobos orixinarios de Honduras, cofundadora de COPIHN antes de ser asasinada o 2 de marzo de 2016, «non é fácil ser muller dirixindo procesos de resistencias indíxenas. Nunha sociedade incriblemente patriarcal as mulleres estamos moi expostas, temos que enfrontar circunstancias de moito risco, campañas machistas e misóxinas».

A feminización da pobreza debida a un acceso sexuado aos recursos sociais e á posición que as mulleres ocupan dentro do fogar. Ata agora a pobreza feminina, invisibilizárase nos estudos sobre pobreza, que tomaron sempre como unidade de análise o grupo familiar, o que contribuíu a manter esta realidade oculta e diluída na estrutura familiar. Dende o ovemento feminista empézase a nomear, a investigar, a analizar e, o que é máis importante, a loitar contra ela.

O coñecemento próximo da inmigración, das mulleres e os traballos «de coidado» que nos países de acollida están realizando, amosou ás claras a situación de negación de dereitos que teñen as mulleres migradas e a prioridade desta loita e desta reivindicación. Puidemos analizar como a globalización do coidado asoma como un novo fenómeno, do que se aproveita o modelo neoliberal para perpetuarse a costa das mulleres.

Seguiremos compartindo desexos, soños e accións cotiás con todas estas mulleres, das que aprendemos cada día, como aportación dun proceso de apoio mutuo para a construción dunha intelixencia colectiva común, local, global e antipatriarcal.

(1) Entrevista en la revista La Directa nº 380
(2) Dossier nº 92 «Visibilizando lo invisible». Economistas sin fronteres (2018)