A deforestación detrás do impacto dos furacáns

“Vai seguir chovendo sobre mollado. A terra xa non aguanta tanta auga”. Así se expresaba en Twitter o pasado luns, 23 de novembro, a lideresa afrodescendente da Organización Fraternal Negra Hondureña (OFRANEH).

E non lle faltaba razón. A madrugada seguinte, a cidade de La Lima, no norte de Honduras, volvía inundarse por cuarta vez en dúas semanas. A auga que deixou sobre o país esta temporada ciclónica, especialmente tras o paso dos furacáns ETA e IOTA, fixeron que os ríos Chamelecón e Ulúa medraran considerablemente. As primeiras chuvias do mes de novembro levaron por diante a Canle Maia e as marxes de contención que protexen esta cidade situada case na costa caribeña. Xa sen esa protección, a auga, o lodo e as pedras ocuparon vivendas e colleitas. Unha imaxe que se repetiu en todo o Val de Sula.

Ata hai varias décadas, ríos como o Chamelecón e o Ulúa, que forman parte da grande rede hidrográfica de Honduras, eran mesmo aptos para a navegación durante todo o ano. Porén, nalgunhas zonas converteuse en ásperos canóns que, nos meses de verán, se poden cruzar camiñando. Ata que veñen chuvias como as das últimas semanas.

Cada vez son máis os expertos que, xunto a outros factores, vinculan estes desbordamentos de ríos e inundacións coa deforestación. Segundo explica Héctor Orlando Portillo, biólogo da Fundación de Ciencias para o Estudo e Conservación da Biodiversidade, “isto ocorre como consecuencia da deforestación nas partes altas, medias e baixas das zonas onde nacen estes ríos. Un dos factores para que esta acción se dea, é a problemática social e económica da nosa poboación, como consecuencia da desatención dos gobernos que eternamente a marxinou”. De acordo con datos do Centro Agronómico Tropical de Investigación e Ensinanza, nos últimos sesenta anos deforestáronse en Honduras arredor de 1.2 millóns de hectáreas. Só nos últimos 20 anos, teríanse perdido entre 23.000 e 58.000 hectáreas anuais.

O enxeñeiro especialista en Manexo e Xestión de Catástrofes Naturais de Orde Hidrolóxica, Juan Mejía, explicou a Radio Progreso que Honduras é un país no que o 77% da súa xeografía é montañosa, pero coa tala de árbores as montañas perderon a súa capacidade de retención de auga. A medida vai perdendo a súa cobertura boscosa, prodúcense esvaramentos, erosión e os ríos acaban arrasando todo o que atopan ao seu paso. Isto é precisamente o que pasou no Val de Sula, onde as grandes extensións de monocultivos de arroz, cana de azucre e, en menor medida, banano contribuíron tamén a estes efectos. “Se as montañas do centro e o occidente do país están debidamente reforestadas, os solos van ser máis resilientes e van ter capacidade para reter a auga e despois ir liberándoa pouco a pouco”. Neste sentido, Juan Mejía, tamén responsable da área de investigación do Movemento Amplio pola Dignidade e a Xustiza (MADJ) sinala que “a política forestal non só ten que ver cos prezos da madeira; ten que ver co que os bosques significan para estas serranías”.

“Temos que esixir ás empresas depredadoras que están destruíndo a natureza, que paren xa. Como non se van desbordar todos estes ríos se arriba, nas nacentes de auga, non só vive xente senón que hai proxectos que destrúen os bosques”, denuncia Miriam Miranda, mentras lembra que Honduras necesita que os bosques poidan captar a auga da chuvia e que aí repouse antes de descender ás zonas baixas onde vive a xente. Miranda refírese tamén ao cambio climático ante o que Honduras é un dos tres países máis vulnerables de acordo co Índice de Risco Climático de Germanwatch de 2018.

A loita polos bosques

Xunto á deforestación, dende o MADJ refírense tamén a outras prácticas empresariais como as construcións a gran escala e en zonas non aptas para habitar, a extracción desmedida de minerais, a adulteración e cambios de dirección nas canles dos ríos que, aseguran “están vinculadas a un modelo económico que despoxa e asasina a quen se opoña a estas prácticas”. De feito, segundo o informe de Global Witness (2019), hoxe en día Honduras converteuse no lugar máis perigoso do mundo – por asasinato per cápita– para as persoas defensoras da terra e do medio ambiente. Estas persoas son vítimas da maioría dos casos de violencia, difamación e criminalización. Se atendemos ás cifras proporcionadas por Vía Campesiña, actualmente en Honduras hai un total de aproximadamente 7,000 persoas criminalizadas, 1,700 das cales son mulleres.

Unha destas mulleres que enfronta ameazas e incidentes pola súa defensa do territorio é María Felicita López, indíxena feminista do Departamento de A Paz. Dende o seu municipio, Santa Elena, leva anos defendendo o patrimonio natural dos intereses hidroeléctricos vinculados de unha deputada do Congreso Nacional de Honduras. Dende hai tempo traballa tamén para evitar os máis de 26 plans de manexo e permisos ambientais para a explotación de madeira que actualmente existen no seu departamento. “O Instituto de Conservación Forestal (ICF) otórgaos sen consultar ás comunidades e pobos e sen averiguar o impacto ambiental que isto vai ter sobre as fontes de auga das comunidades”, explica Felicita López.

Precisamente para evitar este aumento da deforestación, e conscientes da importancia de defender a terra e o territorio, organizacións campesiñas como a CNTC e Vía Campesiña presentaban o pasado mes de febreiro a proposta de Lei de Emerxencia para a Reactivación do Sector Agrícola, Pecuario e Forestal para o Combate da Pobreza. Entre as propostas deste documento atópase “un plan masivo de reforestación con preferencia nas zonas de reserva e concas hidrográficas produtivas de auga a nivel nacional”. Desta maneira, evitar que, unha vez máis, chova sobre mollado.

Brigadas de Paz Honduras

Boletín 74: Activistas pola vida