O mércores 10 de maio recibimos a noticia de que a Corte Constitucional de Ecuador aprobara a Consulta Popular polo Yasuní, impulsada polo colectivo YASunidos dende 2013 e que permitiría aos ecuatorianos e ecuatorianas frear a explotación petroleira nunha das zonas con maior riqueza biolóxica do planeta.
Unha semana máis tarde, confirmábase que o 20 de agosto de 2023, coincidindo coas eleccións lexislativas e presidenciais tras a chamada ‘morte cruzada’ (disolución da Asemblea Nacional) do presidente Guillermo Lasso, terá lugar a consulta popular coa pregunta:
“Está vostede de acordo en que o goberno ecuatoriano manteña o cru do ITT, coñecido como bloque 43, indefinidamente no subsolo?”.
En concreto, a cidadanía decidirá acerca da permanencia baixo terra do cru dos campos Ishpingo, Tiputini e Tambococha, o bloque petroleiro 43 (que fai fronteira con Perú), tamén chamado ITT, na contorna do Parque Nacional Yasuní, declarado reserva da biosfera pola Unesco en 1989.
“Aínda que unha grande parte da infraestrutura petroleira xa está construída, tocará decidir se o cru que aínda está no subsolo permanece alí e que con isto a fronteira petroleira non se extenda sobre o Ispingo –campo que linda coa zona intanxible–, territorio dos pobos Tagaeri e Taromenane (en illamento voluntario)”, escribía Esperanza Martínez, de Acción Ecolóxica, unha das organizacións que integran Yasunidos e coa que cooperamos en Entrepobos, no seu artigo para a Revista Entrepobos 78.
O fallo xudicial confirma que Petroecuador (petroleira estatal que opera xa nesta zona) tería, por tanto, que saír da zona ITT no prazo de un ano de xeito ordenado e progresivo se a consulta ten un resultado positivo, explicou Jorge Espinosa, integrante de Yasunidos, nunha entrevista a Wambra Medio Comunitario.
Éxito para a democracia participativa
Ademais do recoñecemento dos dereitos ambientais e a oportunidade histórica de non avanzar máis na destrución do Yasuní, na súa sentenza, a Corte Constitucional “reprocha o conxunto de accións estatais que no seu momento obstaculizaron o pleno exercicio dos dereitos de participación dos solicitantes”. En efecto, as integrantes de Yasunidos foron acosadas e criminalizadas pola súa reivindicación da consulta, boicoteada ao longo desta década polos sucesivos gobernos de Correa, Moreno e Lasso.
“Todos estes actores políticos non se comprometían, en parte, porque o extractivismo encadea ao sector político, non é posible facelo dentro de toda esta lóxica do crecemento absoluto do Estado a cambio da extracción dos recursos. Por iso esta consulta é un ‘bypass’ a toda esta lóxica da corrupción e a abundancia, a todo o sistema. Por primeira vez, en todo o Planeta, estamos decidindo colectivamente deixar o petróleo, e é a única medida real de facer fronte ao cambio climático”, engade Espinosa.
“O Yasuní chegou a ser unha das utopías máis concretas do ecoloxismo ecuatoriano. Os últimos 12 anos foron unha franca batalla pola utopía, pola comprensión doutras maneiras de pensar a existencia e por abrir fendas coa participación cidadá para conservar este territorio”, subliña tamén Esperanza Martínez.
Para Yasunidos, “esta consulta popular salienta a importancia da participación cidadá e demostra que podemos fiscalizar directamente o Estado e mesmo deter actividades extractivas a través de procesos democráticos“.
“O feito de tela conseguido é unha mostra nidia de que a organización popular pode defender dereitos, impulsar cambios significativos e frear o extractivismo que está destruíndo o planeta. Este proceso democrático abrirá un importante debate sobre o modelo de desenvolvemento actual e formula novas opcións para o futuro de Ecuador. Estamos seguros de que este será o primeiro de moitos casos impulsados por unha cidadanía que busca un mellor futuro para todos e todas“, conclúe Yasunidos.
Lee o artigo de Esperanza Martínez, de Acción Ecológica, sobre a Consulta do Yasuní na revista Entrepobos.
Fonte: Comunicado Yasunidos.