Transición enerxética e colonialismo: Punto de vista dende o norte de África

Os prezos do petróleo experimentaron unha caída sen precedente no ano 2020, o que ten conmocionado o sector dos combustibles fósiles.

O impacto foi brutal nas compañías petroleiras, especialmente no sector do petróleo de esquisto estadounidense, cuxa extracción ten un alto custo. Tamén aumentou a presión económica dos países petroleiros africanos, como Angola, Arxelia, Libia e Nixeria, que viron medrar o seu déficit orzamentario e sentiron a hemorraxia nas súas reservas de moeda estranxeira. Neste contexto, algúns analistas apresuráronse a especular que a pandemia podería acabar coa industria do petróleo e contribuír a salvar o medio ambiente. Non obstante, é preciso ser precavidos ante tales afirmacións eufóricas e tal optimismo.

En tempos de crise, se falamos en serio sobre trascender o petróleo, resulta crucial examinar con detenimento os vínculos entre os combustibles fósiles e a economía en xeral e abordar as relacións de poder e as xerarquías do sistema enerxético internacional. Estas relacións teñen as súas raíces nos legados coloniais e neocoloniais, así como en prácticas de desposuimento, saqueo de recursos e apropiación de terras, especialmente no Sur Global.

No imaxinario popular, cando falamos de enerxía falamos de carbón, petróleo e gas. A meirande parte destes recursos (especialmente os dous últimos) proceden do Sur. Á maneira de controlar e saquear estes recursos chámaselle “extractivismo”. Púxose en marcha en 1492 coa conquista das Américas e foi estruturado mediante o colonialismo, a escravitude, a explotación e a violencia pura e dura. Na actualidade continúa coa creación de “zonas de sacrificio” e en forma de guerras imperialistas e goberno militarista do mundo.

As economías do Sur ocupan unha posición subordinada dentro da división profundamente inxusta do traballo global: por unha parte son proveedoras de recursos naturais baratos e son unha reserva de man de obra barata, por outra proporcionan un mercado ás economías industrializadas. Esta situación foi imposta e configurada polo colonialismo, e os intentos para superala foron, ata agora, derrotados polas novas ferramentas de dominación imperial: a débeda paralizante, a relixión do “libre comercio” e os programas de axuste estrutural, entre outras. Boa parte disto contou co respaldo das elites nacionais parasitarias.

Estas ferramentas de dominación non só condenan os países do Sur global a un modelo económico orientado cara ao exterior –dirixido pola necesidade de responder ás demandas dos países ricos– senón que tamén limitan o espazo político para unha toma de decisións soberana, como o abandono dos combustibles fósiles. Un exemplo contundente é o Tratado da Carta da Enerxía, un perigoso acordo de investimentos que permite que a industria dos combustibles fósiles manteña o control dos recursos e que siga danando o planeta.

A agroindustria é outro dos xeitos en que se entrelazan a dominación imperialista e o cambio climático. É unha das principais causas deste último e, ademais, mantén moitos países do Sur global prisioneiros dun modelo agrario insostible e destrutivo. Este modelo baséase na exportación de cultivos comerciais e o esgotamento do solo e dos escasos recursos hídricos de rexións áridas e semiáridas como Exipto e Marrocos.

Aínda que algúns gobernos occidentais presuman de protexer o medio ambiente por prohibir o fracking dentro das súas fronteiras e por formular obxectivos de redución de emisións de carbono, iso non lles impide apoiar decididamente as multinacionais que traballan xacementos de gas de esquisto nas súas antigas colonias, como fixo Francia con Total en Arxelia. Desprazar os custos dunha industria tan destrutiva do Norte ao Sur é unha estratexia do capital imperialista, na que o racismo medioambiental se une ao colonialismo enerxético.

A transición ás enerxías renovables pode ser de carácter extractivista. Dous exemplos do norte de África amosan a maneira na que o colonialismo enerxético se reproduce en forma de “acaparamento verde”. A planta solar de Uarzazat (Marrocos) empezou a funcionar en 2016 e publicitouse como a maior do mundo. Pero se buscamos baixo a superficie obteremos un panorama máis sombrío. En primeiro lugar, a planta instalouse en terras de comunidades agropastoriles bereberes sen a súa aprobación nin consentimento. En segundo lugar, este megaproxecto está baixo control de intereses privados e foi financiado mediante unha débeda que ascende a 9.000 millóns de dólares. En terceiro lugar, o proxecto non é tan “verde” como afirman os seus promotores, pois require un uso exhaustivo de auga para o arrefriamento e limpeza dos paneis solares. Nunha rexión semiárida como Uarzazat, desviar a auga do seu uso doméstico e agrícola pode ser fatal para a poboación local.

O mesmo ocorre co Proxecto Solar Tunur, en Túnez, que produce enerxía barata para Europa Occidental e priva os tunecinos dela. Plans coloniais do mesmo estilo estanse despregando diante dos nosos ollos mediante un fluxo sen restricións de recursos naturais baratos (incluíndo a enerxía solar) do Sur ao Norte, mentres Europa Occidental se fortifica para evitar que outros seres humanos alcancen as súas costas.

Unha transición verde e xusta debe transformar e descolonizar de maneira radical o noso sistema económico global, inadecuado dende o punto de vista social, ecolóxico e mesmo biolóxico. Tamén require unha revisión das pautas de produción e consumo intensivas en enerxía e profundamente derrochadoras, especialmente no Norte global. Temos que superar a lóxica imperial e racializada da externalización dos custos que, se non cambia, só xerará colonialismo verde e un maior extractivismo e explotación (da natureza e a man de obra), co fin de atinxir uns obxectivos supostamente verdes.

A loita pola xustiza climática e unha transición xusta precisa recoñecer as diferentes responsabilidades e vulnerabilidades do Norte e do Sur. Deben pagarse reparacións ecolóxicas e climatolóxicas aos países do Sur que son os máis castigados polo cambio climático e foron condenados a un extractivismo predador polo capitalismo global.

Nun contexto global de loita imperial pola influencia e os recursos enerxéticos, o discurso sobre a sostibilidade e unha transición verde non debe servir para embelecer prácticas neocoloniais de saqueo e dominación.

Hamza Hamouchene, Transtational Institute.

Publicación orixinal en Africa is a country. Traducido para Rebelión por Paco Muñoz de Bustillo.


[Imaxe de portada: Capitalismo verde: Ouarzazate, a megacentral solar máis grande de Marrocos, a maior subministración de enerxía do mundo a Europa]