Reducir o impacto das instalacións renovables

A despregadura de enerxías renovables en España está a ser determinante para a mitigación do cambio climático. Só unha  desas tecnoloxías, a eólica, evitou nos últimos 20 anos máis de 400 millóns de toneladas de CO₂, que supón moito máis do  total das emisións anuais do noso país


Alianza polo Clima[1]

A despregadura de enerxías renovables en España está a ser determinante para a mitigación do cambio climático. Só unha desas tecnoloxías, a eólica, evitou nos últimos 20 anos máis de 400 millóns de toneladas de CO₂, que supón moito máis do total das emisións anuais do noso país. A penetración das renovables no período máis recente fixo que as emisións de CO₂ do sistema eléctrico se reduciran un 28,7 % en 2019 respecto de 2018 e un 27,8 % en 2020 respecto do ano anterior.

Para avanzar na descarbonización do sector eléctrico o obxectivo que se propón o PNIEC é chegar a un 74 % de xeración renovable en 2030, que significa engadir 29.000 MW de fotovoltaica e 20.000 MW de eólica, ademais dunha potencia menor de outras tecnoloxías. Estes obxectivos, enmarcados nun contexto de aumento de ambición por parte do conxunto da Unión Europea, son só o primeiro paso da necesaria e progresiva aceleración da transición ecolóxica que hai que desenvolver, xa que de acordo coas recomendacións do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), seguen sendo necesarias máis medidas para que as emisións globais de gases de efecto invernadoiro se reduzan nun 7,6 % cada ano, se non queremos que a temperatura global se eleve por riba dos 1,5º. Así pois, fai falta descarbonizar as emisións do sector eléctrico máis drasticamente e máis rápido.

Porén, Alianza polo Clima, que é unha plataforma de organizacións con moi diferentes sensibilidades de tipo ecoloxista, sindical, rural, agraria ou social, está seriamente preocupada pola maneira en que se está a producir en España este desenvolvemento. Un número crecente de plantas fotovoltaicas e de parques eólicos están tendo un notable impacto sobre a biodiversidade e sobre o uso do territorio que o procedemento de avaliación de impacto ambiental non puido evitar. De feito, a comunidade científica xa alertou do grave risco que corre a biodiversidade se a despregadura de renovables prevista no PNIEC se leva a cabo como ata agora, sen unha axeitada planificación e avaliación do seu impacto.

Ademais, e durante anos, o marco normativo de desenvolvemento destas tecnoloxías, a diferenza do que ocorre noutros países europeos, beneficiou que a despregadura sexa capitalizada por grandes empresas enerxéticas e fondos de investimento, penalizando a proxectos de menor envergadura e, sobre todo, a iniciativas promovidas pola propia cidadanía ou os actores institucionais. O resultado é o desenvolvemento dun modelo moi centralizado e de maior impacto que limita as posibilidades de avanzar cara un sistema eléctrico más distribuído, máis coidadoso co territorio, o mundo rural e a biodiversidade e con maior implicación cidadá.

Cooperativas energeticas (Som Energia)

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dispón de competencias para desenvolver diferentes regulamentos normativos e para a adopción de determinadas medidas que eviten ou minimicen os problemas sinalados. Nese sentido Alianza polo Clima propón ao Ministerio que tome as seguintes medidas de forma urxente:

  • Modificar a orde ministerial que regula o mecanismo de subastas de nova potencia de enerxías renovables reservando alomenos un 50 % nas novas subastas para proxectos de menos de 10 MW. Adicionalmente deberían establecerse nelas criterios de condicionalidade priorizando proxectos en zonas de baixa sensibilidade, de repotenciación e de hibridación.
  • Fixar un obxectivo moi ambicioso de autoconsumo na Estratexia Nacional de Autoconsumo que se está a elaborar, correxir a recente normativa en relación cos coeficientes dinámicos para o autoconsumo colectivo e asegurar a despregadura das Comunidades de Enerxía.
  • Aprobar, en colaboración coas comunidades autónomas, unha guía para evitar que os promotores poidan fragmentar os proxectos co obxectivo de sortear a tramitación por parte da Administración Xeral do Estado e vixiar que non haxa proxectos que se estean tramitando de maneira fraccionada e, no seu caso, reclamar a tramitación da súa avaliación ambiental.
  • Que a zonificación da sensibilidade ambiental do territorio que creou no seu xeoportal constitúa un factor discriminatorio para os proxectos de grandes instalacións que tramite o ministerio e non unha simple recomendación para os promotores. Esta zonificación debe identificar as zonas de sensibilidade e exclusión pola súa importancia para a biodiversidade, conectividade e provisión de servizos ecosistémicos, así como sobre outros valores ambientais e territoriais, e incluír tamén as renovables marinas.
  • Aprobar unha norma ambiental para a implantación dos proxectos de enerxías renovables, establecendo unha gradación para a súa implantación primeiro en zonas de baixa sensibilidade, segundo a cartografía do Ministerio e das comunidades autónomas e en función da tipoloxía de solos.
  • Asegurar na Planificación da Rede de Electricidade que se están elaborando suficientes puntos de conexión para a evacuación de instalacións renovables en zonas de baixa sensibilidade.
  • Dar prioridade, en relación cos sistemas de financiamento público de enerxías renovables, ao financiamento dos proxectos situados en zonas de baixa sensibilidade e que impulsen a participación cidadá a través de comunidades enerxéticas.
  • Elaborar unhas directrices para orientar as comunidades autónomas na planificación territorial que realicen, en relación coa delimitación de zonas excluíbles e priorizables para a implantación das distintas enerxías renovables, dende o punto de vista ambiental e dos sistemas agrarios.

 

[1] Alianza polo Clima, da que forma parte Entrepobos, é unha plataforma de organizacións sociais de ámbito estatal que dende 2015 desenvolven iniciativas e actividades enfocadas á mitigación e adaptación ao cambio climático, integrada, entre moitas outras, polas grandes organizacións ecoloxistas (WWF, SEO/BirdLife, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Amigos da Terra), os sindicatos máis representativos (CCOO, UXT, USO), as organizacións agrarias (UPA, COAG), a Coordinadora de ONGD, Fundación Renovables, Plataforma por un Novo Modelo Enerxético, Fridays For Future (FFF)/Xuventude polo Clima, ECODES, ATTAC, CECU, ASGECO, OCU, Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente, Asociación Española de Educación Ambiental,  Rede Española de Desenvolvemento Rural, Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica…