Miriam Nobre “As mulleres son a variable de axuste nun sistema que fai imposible a vida”

Miriam Nobre (Brasil, 1965), membro da Marcha Mundial de Mulleres, incorporou á dieta algunhas raíces que comunidades tradicionais de Vale do Ribeira (São Paulo) manteñen na súa alimentación, libre da “homoxeneización alimentaria que sufrimos na cidade”. Di que comer faille ben, ao corpo e tamén á coraxe, aínda máis necesaria en tempos de crecentes ataques aos dereitos e ás persoas que os defenden. Coa entidade Sempreviva Organização Feminista, Nobre traballa en proxectos de agroecoloxía e economía feminista. Son dúas pezas da resistencia que a activista considera que hai que estender e combinar ante os abusos empresariais e contra o medo que o ultraconservadurismo consegue mobilizar. A punto de facer o primeiro ano da vitoria electoral do exmilitar Jair Bolsonaro, Nobre estivo en Barcelona para participar na xornadaA bolsa ou a vida: transnacionais e feminismos”.

Meritxell Rigol – El Crític – coa colaboración de “Cataluña No a los TCI”

 

Nove meses despois da chegada da ultradereita á presidencia de Brasil, os e as activistas tedes detectado máis indefensión e impunidade que antes do goberno de Bolsonaro?

A inseguridade polas activistas medra dende o golpe [o proceso de destitución de Dilma Rousseff, que en 2016 puxo punto final a trece anos de goberno do Partido dos Traballadores]. Dende o 2016, o grao de ofensiva contra as mulleres que loitan pola defensa dos seus territorios, indíxenas, quilombolas, campesiñas, xa ía en aumento. O que pasa agora é que aumenta a sensación de impunidade diante destes crimes. Cando se deu o golpe, preguntamos ás compañeiras como o sentían as comunidades e explicábannos que cambiara o xeito cómo os terratenentes as miran, porque saben que xa non teñen o apoio a escala nacional que tiñan para loitar. O que vexo que cambiou despois das eleccións é a criminalización das loitas. Utilízase a excusa da corrupción para castigar a xente activista. En São Paulo, de onde eu son, por exemplo, vese no movemento de loita pola vivenda. O discurso da corrupción para criminalizar os movementos sociais intensificouse despois da elección de Bolsonaro e súmase o discurso de odio. Tamén é característico deste periodo, como tamén o son as ameazas a través das redes sociais. Son ameazas que non son directamente do Estado, pero si do grupo social e as organizacións que sustentan a Bolsonaro. Unha compañeira que organizou a Fronte Evanxélica polo Aborto Libre sufríu moita presión e exiliouse.

As defensoras dos dereitos das mulleres están sufrindo a intensificación dos ataques?

Son o albo dos ataques todas as persoas que defenden o territorio: o territorio-natureza e o territorio-corpo. As feministas son un obxectivo porque o discurso que sustenta Bolsonaro é un discurso conservador. A xente que está en situación de inseguridade polo ultraneoliberalismo; a xente que non ten traballo ou que está súper explotada, quere seguridade. E ten unha seguridade baseada na familia tradicional. As feministas e as persoas non conformes ás normas de xénero son a ameaza de destruír esta seguridade. Preséntase a ideoloxía de xénero como o grande problema que hai que xestionar e conseguíu mobilizar moito. Aumentaron os asasinatos de mulleres ‘trans’ cometidos con crueldade e todas as políticas de fortalecemento das mulleres, no plano económico e cultural, caeron. Eu traballo con campesiñas e as políticas de fortalecemento por este colectivo xa ían decaendo deseguido, pero agora fóronse totalmente. Nun contexto de gran desocupación, explotación da xente e endebedamento -que é unha maneira de manter a xente funcionando, traballando explotada-, os espazos políticos que gaña a extrema dereita sostéñense no medo a que a situación poida empeorar; medo de perder poder dentro da túa familia.

Segundo moitas activistas brasileiras, a actividade económica e os postos de traballo xerados polas empresas transnacionais nos territorios onde viven non supón desenvolvemento. Que é desenvolvemento, dende a súa perspectiva?

Mellor non utilizar o término desenvolvemento. Transmite a idea de que o obxectivo é chegar a reproducir o funcionamento da sociedade e a economía do Norte global, que só funciona porque explota as persoas e a natureza no Sur. Temos que recoñecer que as comunidades sustentan a vida e tamén que hai límites. A idea de progreso, de desenvolvemento, de crear lugares de traballo, é un mecanismo de sedución que, a carón da coacción, mantén o sistema. Pero despois atopamos, por exemplo, como a empresa Vale, coa explotación mineira, asasinou o río Doce; contaminouno con tóxicos. É un río enorme que pasa por varios estados, por varias comunidades, do que viven pescadores, con cidades próximas, de onde a xente saca e consume a auga. A intensidade da explotación mineira fixo que se romperan os diques que contiñan os residuos. A contaminación chegou ao mar. Ao romper os diques, a destrución foi enorme e morreron máis de 200 persoas. Por que se intensificou tanto a explotación mineira? Baixaran os prezos e necesitaban un nivel de comercialización que mantivera os beneficios dos investidores. O peor é que non temos mecanismos para que situacións como estas non se repitan.

O Estado español é o que máis inviste no conxunto de América Latina e é, á vez, o que recibe máis inmigración proveniente da rexión. Ata que punto o poder corporativo ten que ver coas decisións, ou necesidades, que levan ás persoas a emprender migracións de países do Sur ao Norte global?

Se as empresas destrúen as condicións de supervivencia das persoas nos seus países, chega un momento en que non queda outro remedio que migrar. E así se sustenta unha cadea internacional de coidados. Aquí necesítanse moitos coidados. Moitas das mulleres que migran dedícanse a coidar. Así, aquí resólvese a situación e non se buscan maneiras colectivas de coidar as persoas, sobre todo, as persoas maiores. Individualízase o problema en cada familia, que o resolve mercantilizando o coidado de maneira precaria. Á vez, as mulleres que traballan de coidadoras envían remesas de diñeiro aos seus países, que así contan con divisas. Estas divisas serven mesmo para pagar os royalties [pago polo uso de patentes ou dun produto] ás transnacionais que teñen actividade. Son diñeiro que envían as empresas aos seus países de orixe. Ata pasa con McDonalds. Xa sabemos facer bocadillos en Brasil! Por que temos que enviar royalties aos Estados Unidos para facelos? Pero o feito é que temos que enviar divisas e, en América Latina, moitas veces proveñen das remesas de diñeiro das personas migradas. É un círculo cun alto grao de explotación.

No proceso de acumulación de poder por parte das transnacionais, que papel xogan os Tratados de Comercio e Investimento?

Os mecanismos de acumulación controlados polas transnacionais xa os temos instaurados nos países. Os tratados, a medida que se van definindo, o que fan é que sexa moi difícil volver atrás e cambiar a situación. En Brasil vémolo no caso da educación superior: nos anos do goberno Lula-Dilma houbo unha expansión do acceso á educación superior. O goberno de Bolsonaro recortou moito o orzamento das universidades. Agora en outubro, xa non teñen diñeiro para o funcionamento cotián. Van pondo algo máis por aquí, algo máis por alá… e isto crea moita presión aos rectores das universidades. O recorte afectou a todas as universidades, pero nun inicio o ministro de educación dixo que recortaría naquelas nas que houbera “lío”; é dicir, aquelas nas que hai vida, militancia, reflexión… A alternativa que dá o goberno á caída dos apoios económicos aos estudantes con baixos recursos é un programa de financiamento privado das universidades públicas, a través de vender accións das universidades públicas á bolsa. Isto crea as condicións para as negociacións de servizos que están en xogo no acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Os tratados fan que privatizacións como esta se volvan unha norma e non se poida volver atrás.

Ante os impactos da actividade económica das transnacionais sobre as persoas e a natureza, temos que mirar cara as comunidades tradicionais e aprender, segundo o teu parecer.

Nas comunidades non todo funciona á perfección. Temos que crear espazos nos que as mulleres poidan expresar os seus desexos, recoñecer o que ten que cambiar na experiencia das comunidades, e tamén recoñecer o que é bo, e crear condicións a fin  de que estas experiencias se expandan cara a máis territorios. Temos que atopar outros xeitos de organizar a vida. Isto choca frontalmente coa estrutura do goberno de Bolsonaro. Defende unha ideoloxía conservadora que está de acordo co proceso de acaparamento brutal que as transnacionais queren facer no noso país. E as mulleres viven no núcleo detodo isto: para conseguir o grao de equilibrio na explotación do traballo e da natureza e que algunhas persoas continúen vivas e traballen para eles. As mulleres, para as familias, fan de “almofada”. As mulleres están súper explotadas no traballo remunerado e no traballo non remunerado nas casas. Fan así porque queren aos seus, porque queremos soster a vida, e á vez é unha enerxía que está sostendo as cousas tal como están. É contraditorio. As mulleres son a variable de axuste nun sistema que fai imposible a vida.

Como podemos reformular a economía para orientala cara ao  ‘bo vivir’?

Por exemplo, eu traballo no plano local, e nas comunidades, coas mulleres, intentamos robustecer a produción que obteñen na súa horta. Combinamos a produción para o consumo propio, o da familia e o da comunidade, coa producción para a venda, que permita ter acceso ao diñeiro, porque vivimos nunha sociedade hexemonicamente capitalista na que necesitamos diñeiro. Dende esta experiencia de equilibrio entre entrada de diñeiro e produción para o autoconsumo, a doazón e o troco, intentamos estar en relación coas persoas da cidade, porque consumen de xeito diferente. E isto implica ter un compromiso político, mesmo para atopar tempo na vida para cociñar e facelo de maneira compartida. Temos que producir “o bo vivir” dende nós mesmas, empezando por limpar a nosa casa e preparármonos a comida. Temos que ampliar as posibilidades de facelo diante dos ataques que recibimos as comunidades, tanto no campo como na cidade, onde hai xente que, por exemplo, loita pola vivenda, okupa ou intenta producir alimentos, disputándose o espazo metro cadrado a metro cadrado co capital.

No reto de construír resistencias diante do poder das corporacións, atribúes un papel específico ás mulleres?

Sen querer botar maior responsabilidade sobre as mulleres, penso que a experiencia de coidar, de estar atentas ás  persoas, dános unha mirada necesaria no momento no que estamos a vivir. Levar esta experiencia ao facer política é vital. Hai que fortalecer as iniciativas de resistencia, crear relacións entre si e contar con territorios de liberdade nun momento de tanto acoso e odio. Temos que conservar as sementes de esperanza e liberdade. E vivilas. Necesitamos vivilas ante os ataques que a xente está sentindo ao corpo e á saúde mental. O reto é cómo auto-coidarnos para non ser capturadas polo seu esforzo de esmagarnos co medo e manter a crítica en todos os ámbitos da vida.