Exercicio de democracia participativa

XXXI Asemblea Xeral. Exercicio de democracia participativa

Por Carmen Sala Morcillo e Montserrat Benito Soriano – Xunta de Entrepobos

Boletín 71 “A aposta do feminismo por un novo sentido común”


Seguindo co noso compromiso coa transparencia e o bo goberno das entidades sociais, iniciamos coa presentación con todo detalle do Balance Económico de 2018 e o Orzamento para o 2019. Ambos os dous informes foron aprobados por unanimidade.

Moi significativa resultou a presentación da memoria de actividades de 2018. A información sobre as dificultades de manter o número de persoas asociadas levounos a ver a necesidade de incrementar a base social, unha fonte de ingresos en fondos propios. En relación co noso traballo vencellado a proxectos de Cooperación e Educación, salientouse que en 2018 houbo un incremento de proxectos aprobados. Presentáronse as diferentes ferramentas e estratexias de comunicación que permitiron pór en marcha a nova Web.

De xeito coral presentáronse algunhas das máis de 390 actividades e/ou campañas (100 máis que o ano pasado) que durante o 2018 se realizaron nas diferentes organizacións territoriais, estruturadas a través dos nosos tres eixes temáticos interseccionais: Feminismos, Soberanías e Xustizas.

Justa Montero da Asemblea Feminista de Madrid, abriu un dos dous espazos de debate: “A revolución feminista, novo sentido común para soster vidas dignas”. Na súa intervención analizou como, no contexto neoliberal que vivimos, asistimos a unha articulación nidia entre o patriarcado e o capitalismo racializado. Falou das resistencias. Os feminismos están articulando loitas dende as reivindicacións máis concretas, pondo sobre a mesa unha proposta global e propoñendo un novo sentido común. Trátase, ao seu entender, de articular unha proposta inclusiva de cambio das condicións do 99% das mulleres, e explica a profundidade social da contestación feminista, a súa amplitude e transversalidade. A diversidade, a perspectiva interseccional e unha visión internacionalista é o que está a dar un significado global ao feminismo. É o que permite falar dun feminismo anticapitalista e antirracista.

Con Marta Pascual, de Ecoloxistas en Acción, debatimos sobre a “Rebelión pola vida fronte á emerxencia climática e ecolóxica”; dieixounos unha precisa mensaxe sobre que nos atopamos diante dunha emerxencia climática sen precedentes, que pon en cuestión a propia supervivencia da humanidade. Tras décadas de inacción ante o crecemento da depredación capitalista e patriarcal de todos os ecosistemas e bens naturais, hoxe o cambio climático xa está actuando como multiplicador das ameazas e vulnerabilidades das poboacións desprazadas, a inseguridade alimentaria, a deforestación, os asolagamentos, as secas, os desequilibrios dos ecosistemas e tantos outros factores, que moitos deles afectan principalmente ás mulleres e ás nenas. Nunca se puxera tan evidentemente de manifesto o conflito entre o capital e a vida.

Ambos os dous espazos continuaron con talleres simultáneos nos que a xente das organizacións territoriais de Entrepobos debatimos, interconectamos os dous temas e propuxemos ideas e liñas de actuación para Entrepobos.

As persoas que participaron no taller sobre feminismos tiñan diversidade de olladas, unhas moi vencelladas a organizacións feministas, outras que traballaban con perspectiva feminista dende Entrepobos e tamén personas relacionadas con outros movementos sociais. Debateuse sobre a diversidade de situacións que se viven nos distintos territorios, a forza das masivas mobilizacións do 8 de marzo (iniciadas no 2018 e que se ampliaron no 2019). Identificáronse as principais ideas forza do noso compromiso feminista, nas que xa estamos a traballar o enfoque internacionalista, a importancia de promover diálogos interxeneracionais máis políticos, a denuncia cara a situación das migrantes e refuxiadas (fronteiras físicas e simbólicas) e, finalmente, partilláronse todos os materiais nos que temos traballado e que poden apoiar os nosos activismos feministas.

No taller sobre a emerxencia climática e ecolóxica informouse e discutiuse sobre os novos movementos xurdidos nos últimos meses, a nivel internacional, facendo un repaso da súa incidencia a nivel local nos territorios nos que estamos presentes. Falouse máis polo miúdo da conveniencia de formar parte como Entrepobos da plataforma “2020 Rebelión polo Clima”, dado que é a única que está constituída explicitamente por organizacións, e noutras iniciativas o activismo é a título individual. Por outra banda, falouse da visión “deseurocentrada” que podiamos aportar a estes movementos dende a nosa experiencia e alianzas internacionalistas.

Ao mesmo tempo desenvolveuse un terceiro taller sobre coidados. Coa recente creación da Comisión de Coidados de Entrepobos, valorouse a importancia de que este tema fora un aspecto transversal a toda a asemblea e que, á vez, se lle adicara un espazo de formación. Practicouse a escoita activa e compartiuse a observación, tanto ao escoitar como ao ser escoitadas. Outra dinámica permitiu partillar as necesidades e motivacións que levaran ás participantes ao seu compromiso con Entrepobos. Por último, compartíronse algunhas reflexións acerca das necesidades de coidar como nos comunicamos, do recoñecemento mutuo e de repensar: que impactos ten o traballo que realizamos en relación co esforzo individual e colectivo?

Despois de toda a intensidade dos nosos debates e talleres, tivemos espazo para a festa e a diversión coas actuacións musicais.

Paralelamente á nosa Asemblea Xeral celebrouse a “Peque Asemblea”, dinamizada polo grupo Planeta Ped de Zamora, cuxo proceso de traballo se visibilizou no plenario final. As peques e os peques compartiron toda a súa capacidade creativa a través do xogo vivencial, manifestando as aprendizaxes de respecto e compromiso cara as persoas e o medio ambiente.

Chegamos á Clausura con grandes doses de alegría, compromiso e satisfacción polo traballo realizado. Moitas foron as emocións compartidas; a acollida que nos brindaron as nosas xentes en Zamora deixa, como sempre, o listón moi alto para a vindeira celebración da XXXII Asemblea.