Os retos da educación entendida como educación emancipadora
Diciamos: Temos aprendido que esa acción educativa abarca ámbitos sociais diversos que chegan dende o socio-familiar, a educación regrada e a non formal, así como a informal que provén dos medios de comunicación e formas incontroladas (para as amplias maiorías) de socialización de ideoloxía e normas de pertenenza á comunidade. O certo é que unha retroalimentación con eses ámbitos de socialización son tan necesarios como complexos, porque presupón unha articulación social que, hoxe por hoxe, só pode ser alcanzada a pequena escala, e cun forte apoio social. Polo tanto, o reto supón establecer alianzas entre a acción educativa e os movementos sociais alternativos nunha estratexia que debe facer posible unha socialización crítica que vincule cultura, organización en rede, resistencia e cambio social.
Diciamos: A perspectiva dunha EpD, orientada a promover unha cidadanía crítica, xeradora dunha cultura de solidariedade comprometida, necesita unha educación emancipadora que permita entender e transformar o modelo de globalización hexemónica, construíndo outra, alternativa…, Ideas-forza que nos guiaron son a sustentabilidade da vida, os feminismos, a soberanía alimentaria e a soberanía sobre as nosas identidades e corpos, a defensa do territorio e dos bens comúns, a protección e apoio ás e aos defensores, a memoria histórica, a defensa dos dereitos das persoas inmigrantes, das persoas refuxiadas, crítica co modelo de desenvolvemento extractivista e depredador, a defensa dos dereitos sociais e contra a pobreza e a exclusión social. Todo iso é parte do día a día da acción concienciadora en Entrepobos.
Diciamos: O enfoque emancipador supón que a acción sociopolítica é educativa, se quere merecer realmente o nome de transformadora, establecendo unha conexión entre coñecemento crítico e educación. O fundamento da acción pedagóxica é, polo tanto, moral e ideolóxico. Como consecuencia desa complexidade, e dende esa perspectiva, os retos tamén son complexos. Dende a necesidade da construción de redes e plataformas de acción global de sensibilización e dunha educación concientizadora. Participamos nas campañas contra os tratados de libre comercio e contra a impunidade das transnacionais, apoiando a idea de cidadanía global e mellorando nunha coordinación máis eficaz e contundente a nivel global.
Diciamos: Igualmente, esta preocupación debe estar presente nas prácticas de campañas realizadas dende as Coordinadoras de ONGDs,(…) e as políticas culturais dende os concellos e deputacións, nas que están presentes ou relacionadas as ONGDs. Aínda que o traballo sexa difícil, a presenza e/ou o contacto segue a facerse necesario, aínda que debemos seguir evitando lastrar o noso traballo con liñas máis ou menos institucionalizadas de organismos ou doutras organizacións coa súa propia folla de ruta.
Diciamos: A EpD, debe traballar procurando aportar ás reformas educativas progresistas, a súa especial sensibilidade, pero evitar quedarse na periferia do sistema educativo. Nun momento de previsible cambio educativo, é necesario vincularnos aos enfoques máis renovadores e críticos, tanto dende a perspectiva da Educación como servizo público ao servizo dos intereses populares, como contrarrestar os enfoques tecnocráticos do currículum e as prácticas escolares.
Diciamos: Para todo iso, a incidencia política require altos niveis de conciencia, información e preparación. Isto implica investir máis esforzo non só na cantidade, senón na calidade (…) Isto supón loxística, medios, responsables, coordinación estable, propiciar e participar en redes. Aínda que sometidos aos vaivéns da política de cooperación e ao financiamento incerto, eses recursos foron progresando de xeito expansivo, de maneira que xa practicamente non se concibe ninguhna acción de Entrepobos, sen ter en conta esa infraestrutura.
Diciamos: Este enfoque global e emancipador, ten que asumir a tarefa de recoñecer os elementos do noso contorno que forman parte do dominio simbólico e cultural, do ocio, comunicación (e información) e consumo, e deseñar estratexias para unha alfabetización audiovisual. A evolución de publicacións, exposicións, audiovisuais, promoción de cine crítico, performances…, evolucionaron de maneira moi relevante e eficaz, non só como altavoces doutras voces non escoitadas, senón como ferramentas de reflexión e aprendizaxe.