E aí seguimos, co teimudo empeño de ‘non claudicar’
Gabriela Serra en Guatemala, 1992
Tres décadas xa, dende que un puñado de xentes solidarias, agrupadas na Coordinadora de Solidariedade con Centroamérica, decidíramos introducirnos oficialmente no ámbito «da cooperación ao desenvolvemento». E digo, con premeditación, «introducirnos oficialmente» porque moito antes de que as ONGDs irromperan no escenario da sociedade civil organizada, en tanto que as entidades especializadas na cooperación ao desenvolvemento xa, un sinfín de comités de solidariedade,
viñan acompañando xentes e pobos do chamado Sur: valentes grupos de xentes alzadas, con iniciativa, que xa andaban protestando e reclamando o seu dereito a unha vida digna, pero sobre todo xentes e pobos empeñados na consecución doutros dereitos máis complexos, máis transcendentais: o dereito á liberdade, á xustiza, á soberanía….
E de aí que no noso breve, pero preciso e conciso, documento fundacional dixeramos: A necesidade da solidariedade e a cooperación internacional vai máis alá de ser un xesto xeneroso e altruista pola nosa parte: ten de ser e é unha obriga. A ética solidaria convértese nunha forma de situarnos ante o mundo con estrita xustiza, de reivindicar que todos os dereitos que pensamos que son bos para nós tamén o son para os demais, e a cooperación é un xeito de retornar ao Sur todo aquilo que previamente se lles roubou ou negou e, ademais, acompañalos no seu camiño cara a independencia e a mellora de vida. E iso depende en boa parte, non so da capacidade de actuar a través das nosas organizacións, senón tamén da capacidade de incidir que teñamos, de presionar efectivamente ás instancias gubernamentais para que establezan relacións políticas e acordos económicos na liña de romper o inxusto sistema de intercambios desiguais. Eran os tempos nos que falabamos de Sur e Norte. Pouco tempo, anos despois descubriríamos que non hai norte sen sur e que cada sur ten o seu norte…., que non hai pobos pobres senón empobrecidos, que non hai pobos ricos senón enriquecidos.
Por iso e, pese ao que se podería crer, os nosos inicios foron non só fáciles e alentadores, senón ademais cheos de certezas que nos conducían sinxelamente a acompañar o camiño cara a liberdade que eses pobos perseguían. A nosa orixe, a Coordinadora dos Comités de Solidariedade con Centroamérica,
marcou unha opción e un estilo de cooperar. Unha opción baseada nun forte compromiso internacionalista e nunha nidia opción antiimperialista. Tamén marcou a evidente vocación centroamericana de Entrepobos que centrou os seus esforzos en Nicaragua, O Salvador e Guatemala.
Propuxémonos dar voz a quen, tendo aportacións que facer, tiña limitados os seus espazos de divulgación. Intentamos non caer na ignorancia de crer que so dende o «Norte» se elaboraba pensamento e se aportaban alternativas. Porque fomos constatando que os que máis padecen a exclusión integral contan con capacidade e conseguen atopar o tempo para as súas propias reflexións. Por sorte, esas xentes no andan dependendo das explicacións, argumentos, análises e propostas políticas elaboradas por xentes do, cínicamente, chamado mundo desenvolvido. E aprendemos delas, aprendemos con elas e tocounos aprender tamén por elas.
Aprendemos que as revolucións populares nin sempre son vitoriosas, nin cando o son sempre acadan manter a vitoria. Nicaragua e o sandinismo oficial partiunos a alma … Como descubrimos que hai acordos de paz que perpetúan a guerra entre empobrecidos e enriquecidos. O Salvador e Guatemala puxeron sobre a mesa a tremenda imposibilidade de gañarle o pulso ao imperio, pero tamén evidenciaron o cinismo que envolve o concepto paz e o concepto acordos. Non houbo Acordos de Paz, so un desarme unilateral –as forzas armadas populares– e a imposición dunha democradura auspiciada polos poderes económicos locais e internacionais.
Impúñase a globalización neoliberal. En menos de cinco anos Centroamérica cambiou: o sandinismo absolutamente quebrado, O Salvador e Guatemala dolorosamente pacificados. Aí quedaron anos de loita, de esperanzas, de verdades como puños destruídas e de ilusións como ceos desplomadas…
Pero tamén constatamos, algo que debíamos saber só mirando o noso propio pasado: que a teimosía do desexo de liberdade e a busca en pro da xustiza é superior ao medo e a calquera batería de terrores. Que
os dereitos dos pobos ancestrais, os dereitos da terra e á terra, a preservación da nai terra, a igualdade de dereitos entre home e muller, a opción por outros modelos de desenvolvemento, o dereito ao mantemento da vida, á dignidade e ao futuro… seguen a convocar xentes, seguen a manter o alento para a loita, seguen a materializar a resistencia.
Ampliamos a nosa presenza en Centroamérica achegándonos á loita obstinada dos seus pobos indíxenas contra o imperio do poder extractivista, como en Perú, Ecuador, Guatemala…, pobos alzados contra os
macro proxectos enerxéticos en calquera das súas versión: agrícola, mineral, eléctrica,… destrutores do futuro das súas comunidades, das súas xentes, do seu futuro. Os «macro proxectos», fillos predilectos dos diversos e variados acordos comerciais de libre comercio entre os poderes neoliberais dos propios
países e os amos da economía mundial.
Y aí seguimos cooperando, é dicir, operando conxuntamente. Xa non só para desbancar opresións maquilladas de democracia, senón tamén para desenmascarar os novos axentes da anti-cooperación, os adalides do desenvolvemento. Para exercer aquela compañía á que nos abocaba a solidariedade facéndonos transitar do indubidable valor da «xenerosidade da axuda», ao rotundo término de «obrigatoriedade da restitución». Pero nin moito menos na simple obrigatoriedade da restitución económica –que tamén– senón na nosa complicidade para operar conxuntamente na abordaxe das
causas que provocan a pobreza, para cooperar na loita contra os instrumentos políticos e económicos dos que se serve o sistema para impoñela.
En 30 anos, certamente, cambiaron nomes, fusionáronse maldades, perfeccionáronse instrumentos de dominación… Pero tamén xurdiron novos e potentes suxeitos de transformación social acá e, sobre todo, alá: os pobos indíxenas, o campesiñado en pé, as xentes disconformes e… as mulleres!!! Esas defensoras de todos os dereitos humanos habidos e por haber. Mulleres protagonistas e protagónicas, mulleres, mulleres, mulleres.
Van 30 anos, oxalá non houbese necesidade de seguir coa cooperación pobo a pobo. As evidencias sinalan que non estamos nesa tesitura. Así que seguiremos colaborando nesta, mentres que conformamos todas as xentes que perseguimos un mundo no que a igualdade, a fraternidad, a liberdade e … o feminismo, imperen por igual por todas partes. Nacemos para ser felices, di Pepe Múgica, orientémonos pois a construír a felicidade mundial.