Despois da pandemia. Poderemos construír novos paradigmas para a sustentabilidade da vida?

O 8 de marzo do 2020 enormes manifestacións amosan a potencia do movemento feminista. A coreografía do colectivo Las Tesis de Chile percorre o mundo dando voz a un saber colectivo: “o patriarcado é un xuíz que te xulga por nacer”. Porén, unha semana despois o Cononavirus impuxo o distanciamento social obrigatorio nalgúns países, voluntario noutros, as voces colectivas na rúa silenciáronse momentaneamente.

Esta non é a única pandemia que ten vivido a humanidade, pero si é a primeira que paraliza e reclúe a millóns de persoas nas súas casas con terribles consecuencias para os sectores máis desprotexidos das sociedades. A pandemia puxo en evidencia as desigualdades estruturais xeradas polo capitalismo, pero tamén impactou de forma xeralizada nos empregos de millóns de persoas creando situacións dramáticas.

Como di Maristella Svampa:

Hoxe lemos en numerosos artículos, corroborados por diferentes estudos científicos, que os virus que veñen azoutando a humanidade nos últimos tempos están directamente asociados coa destrución dos ecosistemas, a deforestación e co tráfico de animais silvestres para a instalación de monocultivos. Non obstante, semella que a atención sobre a pandemia en si mesma e as estratexias de control que se están desenvolvendo non incorporaron este aspecto central nos seus discursos. Todo iso é moi preocupante. (Nueva Sociedad, abril 2020).

A disputa simbólica instálase no escenario político e, segundo como analicemos as causas, poderemos imaxinar as saídas post- pandemia. Para as feministas arxentinas Verónica Gago e Luci Caballero, é necesario poñer en acción as claves de lectura que produciu o feminismo, xa que permite comprender o futuro que se está a facer agora mesmo. 

Ou alguén se imaxina que sería esta pandemia sen a previa politización dos coidados, sen a militancia polo recoñecemento das tarefas de reprodución e a valorización das infraestruturas de traballos invisibilizados, sen a denuncia do endebedamento público e privado, sen a contundencia das loitas anti-extractivistas para defender os territorios do saqueo das corporacións?” Revista Anfibia, 2020.

É unha politización que xurde de miles de prácticas, situadas, parciais, que se nutren de campos teóricos, ás veces contraditorios e suxeitos a revisión, pero que abriron interpelacións substanciais. Por iso, as autoras alertan sobre o que non nos axuda a pensar e a posicionar as prácticas colectivas; “hai dous lugares de enunciación que non nos resultan eficaces. Unha rápida partida de defunción para o capitalismo (que inclúe dende un editorial do Washington Post, pasando por teóricos consagrados) ou, en contrapunto, unha insistencia en que a pandemia confirma o control capitalista totalitario sobre a vida”. Ibem.

Dende o pensamento feminista e, en particular, dende o eco-feminista constrúese a articulación co pensamento ecoloxista para imaxinar novas formas de producir, consumir e habitar.

QUEDA NA CASA foi o lema para enfrontar a pandemia na meirande parte dos países, unha “casa” que, cando existe, é unha prisión para moitas mulleres, nenas e nenos. Os impactos serían aínda peores se non fora pola desobediencia ao “QUEDA NA CASA” que practican as persoas solidarias coa dor allea, organizando comidas populares, montando cestas de alimentos e construíndo, coas súas accións, armazóns dende abaixo de solidariedade e coidado.

Cando saïamos do pechamento, sen dúbida o mundo non será o mesmo. A pandemia mostra a desigualdade capitalista de xeito brutal e doloroso, a pesar dos paliativos estatais, sempre escasos para a devastación que se produce. Os efectos aínda non o evidencian, pero xa se perciben transformacións laborais (tele-traballo) que anulan os límites da xornada laboral en aras da liberdade de elección e habilitan perdas de dereitos sociais e redución do número global de ocupados no mercado de traballo. Hai coordenadas dos debates sociais que cambiaron radicalmente tornando máis urxentes e perentorios os cambios das nosas prioridades. Suely Rolnik en diálogo con Negri e Hart, Deleuze e Guattari sinala que :

a forza vital da que se alimenta o capitalismo xa non se reduce á súa expresión como forza de traballo , o que implica unha metamorfose radical da propia noción de traballo. Iso acompáñase dunha paulatina dilución da forma do Estado democrático de dereito, da que dependían leis laborais propias do réxime na súa versión anterior”. Rolnik 2019: 27

Aparece con descarnada perentoriedade a necesidade de reestruturar o campo do desexo con prácticas que desestabilicen as formas dominantes do subxectivismo. Rolnik fai unha cartografía das esferas da insurrección a percorrer para descolonizar o inconsciente e dar espazo aos “embrións de mundos que habitan os corpos”. Eses “embrións de mundo” exprésanse nos xeitos de producir e consumir, nas maneiras de relacionarnos, nas esferas da micropolítica de territorios que producen sinerxias colectivas que acollen e coidan.

Como construír unha axenda que poña en xaque o capitalismo?  Como poucas veces, a pandemia impúlsanos a deixar de mirar o Estado, os mercados, a familia, a comunidade, con legañas tradicionais. Á luz da nosa vulnerabilidade social e da nosa condición humana, como seres inter e eco-dependentes, debemos repensar nunha reconfiguración integral, isto é, social, sanitaria, económica e ecolóxica, que tribute á vida e aos pobos. Svampa, Viale, 2020.

Territorios feministas

No post-pandemia aparece como urxente despregar espazos colectivos autónomos, re-inventando resistencias á cultura capitalista en todas as súas manifestacións consumistas, individualistas, violentas, racistas, colonialistas e patriarcais e explorar o espazo da invención política creativa, escapando tamén ao xogo político do estado e da representación. Isto non implica desatender a crítica, ou o cuestionamento das formas tradicionais da política e os Estados, pero só reconstruíndo a acción política dende a comunidade, poderemos construír maneiras de vivir máis próximas a un imaxinario transformador. Transformar as formas de producir e consumir é unha maneira de territorializar o feminismo para producir outras formas de habitar e fortalecer esas esferas da insurrección dende o micro. As novas expresións feministas crean “mercados virtuais”, feiras, permacultura, hortas urbanas, mercados de troco, experiencias de xestión sustentable en materia política e ambiental que fortalecen esferas de economías alternativas e autoxestión. Estender e profundizar esas experiencias é unha alternativa para enfrontar a crise que deixa o coronavirus. Con economías desenvolvidas dende os territorios que poden contribuír a unha democratización dende abaixo, modificando prácticas de consumo para desenvolver unha nova relación coa natureza.

O coidado para a sustentabilidade da vida

As necesidades cotiás básicas, como alimentarnos, vestirnos, coidar os nenos ou os enfermos, darnos afecto, recoñecemento e solidariedade, son o centro da vida cotiá das persoas. A reprodución da vida é realizada maioritariamente por mulleres, que son as que teñen garantido os coidados e afectos necesarios. A teoría feminista colocou o foco nesta relación, abrindo a posibilidade de analizar integramente a sociedade. A despatriarcalización da vida pasa por asumir o coidado como un eixe central do sostemento da vida humana e non humana. Carrasco sinala que:

“centrarse explicitamente na forma en que cada sociedade resolve os seus problemas de sostemento da vida humana ofrece, sen dúbida, unha nova perspectiva sobre a organización social e permite facer visible toda aquela parte do proceso que tende a estar implícito e que habitualmente non se nomea” (2003:12).

Na proposta de “Novo pacto social verde” que formulan Svampa e Viele1 para a post-pandemia sinálase como un dos 5 eixes do pacto social a construción de sociedades ligadas ao paradigma do coidado. Este paradigma baséase no recoñecemento da interdependencia entre as persoas e a eco-dependencia coa natureza. Priorizar como política o fortalecemento dos sistemas de coidado e os sistemas de saúde públicas son urxencias, tanto a nivel nacional como global. Trátase de levar os coidados e a reprodución da vida a amplos sectores das comunidades e da sociedade. Incorporar estas dimensións nas organizacións sociais, sindicatos, cooperativas e todo tipo de organización social, ao mesmo tempo que impulsar a demanda dun Sistema de Coidados como política pública. As prácticas sociais deben expandirse máis alá do estado, para facer posible campos relacionais guiados por principios éticos para a construción do “común”. A economista feminista Natalia Quiroga sinala que a interacción entre a economía social e popular post-patriarcal e a economía feminista deben centrar as súas prácticas nunha economía para a vida. Unha economía que nos coide. (Quiroga 2019). Por outra parte, Yayo Herrero convoca a resignificar o concepto de sustentabilidade incorporando relación harmónica entre humanidade e natureza. Existen propostas e directrices para comezar a ensaiar transicións socioecolóxicas cara a outro modelo de economía e organización social.

Hai que desexar facelo.

Lilian Celiberti – Cotidiano Mujer (Uruguay)

 

BIBLIOGRAFIA

CARRASCO, Cristina. La sostenibilidad de la vida humana ¿un asunto de mujeres? Icaria Editorial: Barcelona, 2001 a.

CARRASCO BENGOA, Cristina; DÍAZ CORRAL, Carmen. Editoras. Economía feminista: desafíos. Propuestas, alianzas. Entrepueblos: Barcelona, 2017.

GAGO, Verónica, CABALLERO Luci, Deuda, vivienda y trabajo: una agenda para la pospandemia- Revista Anfibia. Marzo 2020

HERRERO, Yayo Economía ecológica y Economía Feminista: un diálogo necesario.en Economía feminista: desafíos, propuestas, alianzas. Entrepueblos: Barcelona, 2017. 121

PEREZ OROZCO, Amaia. ¿Espacios económicos de subversión feminista? en Economía feminista: desafíos, propuestas, alianzas. Entrepueblos: Barcelona, 2017. 132

QUIROGA; Natalia, Economía Pospatriarcal. Lavaca, Bos Aires, 2019

ROLNIK Suely, Esferas de la insurrección. Apuntes para descolonizar el inconsciente. Tinta Limón, Colección Naciones Comunes. Bos Aires 2019

SVAMPA, Maristella, VIALE, Enrique, Nuestro Green New Deal. Revista Anfibia. Arxentina, Maio 2020

1 Nuestro Green New Deal- Revista Anfibia. abril 2020