Coa democracia en cuarentena. Anticipando a post-pandemia

Abaneóusenos o piso. As certezas esvaecen. As incertidumes envólvennos. O futuro aparece máis difuso que antes. O certo é que pandemias de todo tipo, non só a sanitaria derivada do coronavirus (Covid-19), acosan a sociedade humana. A pregunta é se saberemos transformar tanta ameaza e risco en oportunidades para unha grande transformación.

Preocupante resulta ver que, a medida que se desarma o existente, comeza a organizarse un novo réxime, que, por de pronto, parece que recupera o peor do vello, … e nesta recuperación do pasado, causante de tantas pandemias, a tentación autoritaria está cada vez máis presente. E é probable que, pasado o peor da pandemia, se continúe perseguindo perversamente a promesa -de imposible cumprimento- do desenvolvemento e do xeralizado benestar, sacrificando a millóns de seres humanos e, por certo, á Nai Terra…, ata que nos enfrontemos coa próxima pandemia.

“Nestes momentos de crispación, fai falta serenidade, reflexión e sopesar razóns.
De cómo saïamos do hoxe, vai ser o mañá”
Julio Anguita. 4 de maio do 2020

As sacudidas da democracia antes do coronavirus

En América Latina, se se me permite poñer a lupa nesta rexión, ata hai pouco rexistrábamos sociedades en movemento que enchían rúas e prazas coas súas múltiples revoltas e resistencias, declinando o verbo democracia en todos os seus tempos.

O final do ano 2019 pasará á historia polas súas múltiples rebelións populares en contra de diversas e crecentes desigualdades, e da imparable destrución da Natureza. O peso das estruturas clasistas, patriarcais, xenófobas e racistas acompañou e desatou as frustracións de amplos grupos -en especial da xuventude- mobilizados sen nada que perder, pois ata o futuro se lles roubou …

A esta lectura cabería engadir os problemas nacidos das propias contradicións do capitalismo periférico, baixo as que os países latinoamericanos son constantemente empurrados a perpetuar o seu carácter de economías primarias exportadoras, sempre vulnerables e dependentes. Violencias, corrupción e autoritarismo -en gobernos neoliberais e “progresistas”, non confundilo como de esquerda- acosan a democracia. Tanta brutalidade non é unha simple consecuencia dos extractivismos, senón unha condición necesaria para a súa cristalización. E todo enmarcado en accións propias dos imperialismos, aos que poucas veces se incorpora nas análises.

Entender tal complexidade non é fácil. A forza das mobilizacións de finais de 2019 foi enorme, pero non necesariamente presentaron claras opcións de cambio, aínda que quizais abrían horizontes novos para a disputa do sentido histórico, sobre todo no caso chileno. Ademais, as ameazas que xa envolvían a estes procesos eran maiúsculas. Basta constatar as sombras da militarización da política que xa daquela asomaron como constante en varios recunchos da Nosa América. Coas cuarentenas baleiráronse as rúas e púxose, por de pronto, en cuarentena a democracia.

A democracia posta en jaque polos efectos do coronavirus

O coronavirus confróntanos cunha realidade que se veu acumulando dende hai décadas e, sobretodo, nos últimos tempos. E esa realidade responde, alén de lecturas inspiradas no complot e dunha avalancha de interpretacións sobre a pandemia, a un proceso de destrucións múltiples fraguado polos seres humanos no marco do “capitaloceno”, responsable do colapso climático en marcha. Ademais, a mesma recesión económica, que xa nos presionaba antes do coronavirus, resulta desa lóxica infernal de acumulación incesante de capital. E así, esta converxencia de pandemias agudiza os problemas e enfróntanos a unha crise multifacética en extremo complexa que nos convoca a pensar e actuar.

Protestas contra el paquetazo. (Cuenca, Ecuador). Fuente: portaldiverso.com

Puntualicemos algúns elementos clave. O coronavirus deixa ver varios temas, moitos deles xa coñecidos. O Covid-19 demostra a profundidade das desigualdades: a maiores dos graves problemas sanitarios, maniféstanse, agravados, moitos outros problemas sociais: a fame, a miseria, a inequidade, a marxinalidade. O coronavirus, ao demostrar a lóxica do poder, serve para exacerbar os temores e as aberracións: organizouse un plan de guerra para vencer un “inimigo invisible”, en clave de “chivos expiatorios”: migración e coronavirus camiñan da man exacerbando a xenofobia.

Nese enervante escenario, o Estado retorna. A primeira vista, isto resulta ata desexable. Medra o chamamento para que o Estado asuma tarefas sociais, pois en moitos países esas tarefas deixáranse en mans da lóxica mercantil, a saúde sobretodo. O grave é que, simultáneamente, consolídase un Estado autoritario: hai que disciplinar a sociedade para controlar a pandemia, é a mensaxe. A cuarentena, alén da súa utilidade para frear o contaxio, implica unha restrición de dereitos. Tamén asoma un Estado que, unha vez máis, despois dun longo interregno neoliberal, asume o seu papel como empresa de reparacións do sistema, apuntalando as grandes empresas, para que ao final todo siga igual. Este retorno do Estado implica, entón, a busca de seguridade para manter o statu quo, sobre todo cando o que se pretende é atravesar este complexo momento e retornar á a-normalidade anterior.

A tentación do autoritarismo tecnolóxico chinés é enorme. “O Irmán grande” de George Orwell, transformado no “estado tecnototalitario perfecto”, de Franco Berardi Bifo, asoma como unha realidade cada vez máis aterradora. Estados con trazos fascistas e de exacerbados nacionalismos poden consolidarse en moitos países. Ao mesmo tempo, en América Latina e noutras latitudes, contando co concurso estatal, perfílanse máis neoliberalismo, máis estractivismo, é dicir máis flexibilización laboral e ambiental para ser competitivos e recuperar o tempo perdido. Cando finalice a pandemia haberá máis ricos: as farmacéuticas, as grandes empresas que subministran e comercializan os alimentos, por exemplo. Tamén haberá máis pobres. E é moi probable que, dependendo de como saïamos dela, haxa menos democracia…

A democracia da Terra, un paso imprescindible

Un par de reflexións adicionais. Oxalá se entenda que a cuestión ambiental ten sido núcleo fundamental nos crecentes conflitos no mundo enteiro. Esta pandemia da Covid-19 non xurde da nada, non é o produto dun simple complot. A pandemia confróntanos cunha realidade socioecolóxica que se veu deteriorando aceleradamente dende hai unhas sete décadas polo menos, pero aínda con máis ferocidade nos últimos tempos. E neste complexo escenario, como o deixamos anotado, ponse a arrefriar a democracia … mesmo dirán, sen poñerse rubio ninguén, que para protexela.

O reto non se resolve da noite para a mañá. Defender e fomentar a democracia en todos os ámbitos de acción estratéxica -dende o local ao global-, cun proceso de permanente radicalización, segue a ser o camiño para sociedades respectuosas da diversidade, da igualdade e a liberdade. Aínda máis, non poderá haber paz entre os humanos se, simultaneamente, non transitamos cara a paz coa Natureza. E iso convídanos a poñernos en sintonía coa democracia da Terra para construír sociedades baseadas na xustiza social, a democracia radical descentralizada e a sustentabilidade ambiental.

Las mujeres exigen justicia (Chiapas) Foto: Andrea Murcia. Fuente: cuartoscuro.com

Os elementos básicos da devandita democracia radican na relación harmoniosa coa Nai Terra, recoñecendo que todos os seres vivos teñen un valor intrínseco, independentemente de se teñen ou non algunha utilidade para os seres humanos. A diversidade biolóxica e cultural é a base dese estilo de democracia raizal, que non pode máis seguir apuntando cara a uniformización produtiva, cultural e mesmo política. A sustentabilidade pensada en clave das futuras xeracións obriga a priorizar os bens de subsistencia básica, asegurando saúde, alimentación e vivenda como dereitos, nunca máis como mercadorías. Outra economía é un reto imperioso a partir da diversidade, a sustentabilidade e a pluralidade, potenciando o local a partir das necesidades, demandas e decisións locais: dende barrios e comunidades en primeiro lugar. Os saberes ancestrais en estreito diálogo cos coñecementos científicos deben facer realidade a convivencia de relacións sociais, económicas e políticas, inclusive tecnolóxicas.

Iso demanda xerar transicións dende miles e miles de prácticas alternativas existentes en todo o mundo, orientadas por horizontes utópicos que propugnan unha vida en harmonía entre os membros da Humanidade e de estes coa Natureza, aprendendo de formas de vida indíxenas, plasmadas na boa convivencia, e de todas esas outras opcións de existencias dignas que van configurando o Pluriverso.

Sen minimizar as accións a nivel estatal, todo indica que o gran impulso xurdirá con accións dende abaixo, dende barrios e comunidades. Un quefacer que non pode ser en ningún caso romantizado, en tanto que emerxe dende a mesma brutalidade do mundo capitalista. Trátase dunha construción e reconstrución paciente e decidida, que empeza por desmontar varios fetiches -particularmente económicos, empezando polo imposible crecemento nun mundo finito e polos destrutores extractivismos- e en propiciar cambios radicais, dende experiencias existentes ou dende imaxinarios chamados a ser transformados en realidades. E iso conmínanos a destruír as bases patriarcais e coloniais do capitalismo, co cal inexorablemente esboroarase esta civilización da desigualdade e a violencia.

Esa tarefa demanda conxugar a democracia en todas as súas formas. Subvertir a institucionalidade dominante é o primeiro paso para construír redes de resistencia e re-existencia, coas que -sen pedir permiso- se potencie e se radicalice a democracia na vida dos pobos. Na medida que a pandemia torna en pandemonio, cal é o potencial real de cambio de rumbo? Volverán as masas a encher as rúas hoxe baleiras pola pandemia?

O momento, a pesar de todas as ameazas que se aveciñan, aparece como inmellorable para disputar o sentido histórico dunha grande transformación socioecolóxica.

Alberto Acosta

Economista ecuatoriano. Profesor universitario. Ministro de Enerxía e Minas (2007). Presidente da Asamblea Constituínte (2007-2008). Candidato á Presidencia da República de Ecuador (2012-2013). Compañeiro de loita dos movementos sociais.

18 de maio do 2020