Unha viaxe… pola vida

O pasado 5 de outubro de 2020, @s zapatistas anunciaron que decidiran viaxar a Europa, como primeira etapa dun traxecto que os levará polos cinco continentes, coa idea de “realizar encontros, diálogos, intercambios de ideas, experiencias, análises e colaboracións entre os que nos atopamos empeñados na loita pola Vida”. A Delegación Zapatista estará composta por 160 persoas, a maioría mulleres, e virá acompañada doutra delegación do Congreso Nacional Indíxena (CNI) e da Fronte de Defensa da Terra e a Auga de Morelos, Puebla e Tlaxcala (FPDTAMPT).

Tal como din os zapatistas no comunicado do comité clandestino revolucionario indíxena-comandancia xeral do exército zapatista de liberación nacional. “Sexta parte: unha montaña en alta mar”, os pobos orixinarios de raíz maia e zapatistas miraron, escoitaron e sentiron que o mundo está enfermo; danado na súa vida social, fragmentado en millóns de persoas alleas entre sí, empeñadas na súa supervivencia individual, pero unidas baixo a opresión dun sistema disposto a todo para saciar a súa sede de ganancias, así e todo sendo claro que o seu camiño vai en contra da existencia do planeta Terra.

Eles din que observaron e escoitaron a natureza ferida de morte e que, na súa agonía, advirte á humanidade que o peor está aínda por vir.  Cada catástrofe “natural” anuncia a seguinte e esquece, convenientemente, que é a acción dun sistema humano a que a provoca.

Teñen visto e escoitado os poderosos repregándose e agochándose nos chamados Estados Nacionais e os seus muros.  E, nese imposible salto cara atrás, reviven nacionalismos fascistas, chauvinismos ridículos e un palabrerío enxordecedor. Nisto advirten as guerras por chegar, as que se alimentan de historias falsas, ocas, mentideiras e que traducen nacionalidades e razas en supremacías que se imporán pola vía da morte e a destrución.

Dinnos que a Pandemia da COVID 19 non só amosou as vulnerabilidades do ser humano, tamén la codicia e estupidez dos distintos gobernos nacionais e as súas supostas oposicións. Medidas do máis elemental sentido común foron desprezadas, apostando sempre a que a Pandemia sería de curta duración.  Cando o paso da enfermidade foise facendo cada vez máis dilatado, empezaron os números a substituír traxedias. A morte converteuse así nunha cifra que se perde a diario entre escándalos e declaracións. Unha comparativa tétrica entre nacionalismos ridículos.  A porcentaxe de tantos e de carreiras limpas que determina que equipo, ou nación, é mellor ou peor.

Pero tamén escoitaron e viron as resistencias e rebeldías que, non por silenciadas ou esquecidas, deixan de ser claves, pistas dunha humanidade que se nega a seguir o sistema no seu apresurado paso cara o colapso. Rebeldías e resistencias que nos amosan que, se os de enriba rompen as pontes e pechan as fronteiras, queda navegar ríos e mares para atoparnos.  Que a cura, se é que a hai, é mundial, e ten a cor da terra, do traballo que vive e morre en rúas e barrios, en mares e ceos, nos montes e nas súas entrañas.  Que, como o millo orixinario, moitas son as súas cores, as súas tonalidades e sons.

As e os zapatistas xa viviron todo isto na súa propia pel cando, como consecuencia da sinatura do Tratado de Libre Comercio entre os gobernos de México, Canadá e os Estados Unidos, viron chegar o seu propio exterminio e a destrución da terra na que viviran dende había miles de anos.

O 1 de xaneiro de 1994 as comunidades zapatistas alzáronse para dicir Basta!, baixando dos vales para recuperar o Bo Goberno nas Cidades e nas vilas do seu país, aprendendo a vivir fóra do Mal Goberno que os tivera sometidos ata entón. Hai 27 anos do inicio da Revolución Zapatista e conseguiron, aprendendo de cada experiencia, manter libre o seu país da inxerencia exterior depredadora, mellorando a vida das súas Comunidades. Estableceron vínculos cos outros grupos de indíxenas que sofren a mesma situación, conectando con moita xente de todo o planeta e coa loita pola defensa da Vida fronte ao capitalismo de exterminio.

Por todo isto decidiron que é tempo, máis unha vez, para que bailen os corazóns, e que non sexan nin a súa música nin os seus pasos, os do lamento e a resignación, por iso diversas delegacións zapatistas, homes, mulleres e outras da cor da terra, están saíndo a percorrer o mundo, navegando ata terras, mares e ceos remotos, buscando non a diferenza, non a superioridade, non a aldraxe, moito menos o perdón e a lástima… E o primeiro destino desta viaxe planetaria será o continente europeo.

Queren facer unha “invasión consensuada”, é dicir, que haxa un acordo de que imos ser invadidos e, polo tanto, non van ir a onde non teñan sido convidados. Esta invasión comezará polo Estado Español, onde se espera que o “Escuadrón 421” chegue ao porto de Vigo a mediados de xuño no barco “La Montaña”. Queren chegar a Madrid, o 13 de agosto do 2021, 500 anos despois da suposta conquista do que hoxe é México. Para dicir que non foron conquistados e que seguen en resistencia e rebeldía.

O “Escuadrón 421″ recibe este nome porque está conformado por catro mulleres, dous homes e unha persoa que non se identifica nin como home nin como muller, as sete persoas son mexicanas e descendentes dos maias, que “comparten dolores e rabias con outros pobos orixinarios desta beira do océano”; son Lupita, de 19 anos; Carolina, de 26; Ximena, de 25; Yuli, de 37; Bernal, de 57; Darío, de 47 e Marijose, de 39.

As e os que compartimos estas mesmas preocupacións e loitas similares, todas as persoas honestas e todos os abaixos que se rebelan e resisten nos moitos recunchos do mundo temos enviado cartas de invitación e estamos preparando encontros, diálogos, intercambios de ideas, experiencias, análises e valoracións, dende diferentes concepcións e en diferentes terreos.

Dende Entrepobos participamos en diferentes coordinacións locais en distintas cidades do estado español, onde os colectivos se están a organizar para acoller a xira zapatista, a nosa participación é a través destas organizacións territoriais que se están coordinando para a xira e sumarémonos ás actividades que se organicen nalgúns dos territorios, polo momento estanse formando comisións de axenda política, feminista, de comunicación, de finanzas, de actividades previas, para dar a coñecer a xira e preparar as diferentes actividades,  tamén hai coordinacións a nivel europeo e dos distintos territorios para intentar coordinarnos.

O vínculo de Entrepobos co zapatismo vén de antigo, é diverso, temos colaborado con solidariedade con Chiapas dende o ano 94, pero nos últimos anos centrouse sobre todo no acompañamento a CIDECI-Unitierra, con quen vimos executando proxectos de cooperación dende hai case 20 anos. Neste tempo temos apoiado a estratexia de traballo de CIDECI-Unitierra en Educación e o Poder Local, de apoio aos/ás mozos/as indíxenas, ás comunidades das que proceden e ás organizacións que loitan polo recoñecemento dos pobos indíxenas como suxeitos do seu propio proceso de desenvolvemento.

O CIDECI-Unitierra empezou o seu camiñar principalmente como centro alternativo de capacitación para a mocidade indíxena (mulleres e homes) de comunidades e colectivos organizados. Porén, ademais deste compoñente de educación técnica, a misión marcada polo CIDECI de “contribuír a fortalecer a capacidade de resistencia e sobrevivencia das nosas comunidades e pobos, a previr e enfrontar, interculturalmente, os desastres que o sistema actual xera e a construír unha alternativa de esperanza dende os reclamos e esixencias de xustiza e liberdade do Sur Profundo”, foi levada á práctica de múltiples maneiras ao longo destas dúas décadas de traballo. Nos últimos anos materializouse, entre outras, en forma de asesorías de todo tipo a comunidades e organizacións da sociedade civil.

O CIDECI-Unitierra brinda apoio a organizacións e comunidades que necesiten un espazo seguro e de confianza para realizar as súas actividades. Nas súas instalacións lévanse a cabo actividades organizativas e formativas, conferencias, seminarios, presentacións de libros, asembleas, reunións de organizacións. Nos últimos anos, o CIDECI-Unitierra acolleu importantes eventos internacionais. En agosto de 2013 deuse comezo á Escuelita, “A liberdade segundo @s Zapatistas”. Esta iniciativa, froito de meses de preparación interna, tiña como obxectivo compartir coa sociedade civil nacional e internacional a experiencia zapatista, a súa maneira de autogobernarse e o funcionamento dos seus sistemas de educación, saúde e xustiza. Dende entón, a actividade no CIDECI foi intensa, realizáronse nas instalacións de CIDECI diferentes eventos de alcance internacional, como o Festival mundial das resistencias e as rebeldías, o Seminario “O Pensamento Crítico fronte á Hidra Capitalista”, convocado por CIDECI-Unitierra e a Comisión Sexta do EZLN, o Encontro “@s zapatistas e as ConCiencias pola Humanidade”, o Festival de Cine “Puy ta Jkuxlejaltik” ou a Cuarta Asemblea Nacional entre o CIG e os pobos que integran o Congreso Nacional Indíxena (CNI). Todo isto levou a que en 2019 o CIDECI se convertese no Centro de Resistencia Autónoma e Rebeldía Zapatista: Caracol VII “Jacinto Canek”.

Aínda non sabemos cantas delegacións zapatistas chegarán despois do desembarco de “La Montaña”, pero dende as nosas xeografías, territorios e espazos, estámolos esperando para atoparnos nestas terras que non son só as do capital salvaxe e transnacional, senón que é o lugar dende o que loitamos, dende abaixo e á esquerda, para conseguir que a vida, e polo tanto, o mundo, sexa un lugar digno onde vivir.

Dende os nosos territorios e pequenos espazos de loita, esperamos con impaciencia a chegada dos e das zapatistas, portador@s do virus da resistencia e a rebeldía, como eles mesmos din, nesta viaxe pola vida na que confiamos en que se rompan as fronteiras, visibles e simbólicas.

César Apesteguía. Área Cooperación Entrepobos


[Imagen de portada: Isabel Mateo. Cuarto Oscuro]