Unha gran desorde baixo os ceos
O levantamento en Quito foi, formalmente, contra o fin dos subsidios aos combustibles, que sempre encarecen os alimentos e fan subir os prezos. Os pobos orixinarios e os traballadores aproveitaron a fenda aberta polos transportistas, que non teñen intereses populares senón corporativos, para lanzarse á base do modelo.
En ambos os dous casos, e en moitos outros, o que está a suceder é que os pobos están fartos dunha desigualdade que non para de medrar baixo gobernos dos máis diversos signos. Porque a desigualdade é estrutural e está ligada de xeito estreito ao modelo extractivista, que se resume en polarización social, pobreza crecente e concentración de poder nas élites financeiras e as grandes empresas multinacionais.
As xigantescas mobilizacións populares, en Quito, en Santiago, en Puerto Príncipe, por non falar de Barcelona, Hong Kong e París, amosan dúas cousas que están pautando a situación: o poder que adquiriu a mobilización popular, sendo quen de configurar fondas viraxes políticas, e que as accións colectivas transcenden gobernos, cuestionando un modelo que produce miseria abaixo e luxo enriba.
Para ser máis precisos: xuño 2013, con 20 millóns de brasileiros nas rúas en 350 cidades, foi un berro contra a desigualdade que sepultou a gobernabilidade lulista ao non ter comprendido o goberno a profundidade do clamor. Decembro de 2017 foi clave, pero nun sentido inverso, xa que sepultou a gobernabilidade conservadora e clasista de Macri (https://bit.ly/2MWWh4M).
Porén, esas apreciacións seguen sendo xerais e non tocan o central. Camiñar polas rúas de Quito estes días de outubro, onde permanece o olor pegañento do fume das rodas queimadas, lévate á reflexión. Os intercambios con persoas dos máis diversos movementos, rurais e urbanos disipa a néboa da confusión sistémica na que nos movemos.
A primeira apreciación é que no levantamento xogaron un papel decisivo as mulleres e os mozos, que desbordaron aos dirixentes históricos. Elas protagonizaron a maior marcha de mulleres na historia de Ecuador, aportando os saberes da reprodución e o coidado da vida, sumando lucidez ao fervor xuvenil sen menoscabo da combatividade.
A segunda é a diferenza entre un levantamento organizado e un estoupido espontáneo. A Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (Conaie) é unha organización de base comunitaria, moi ben estruturada e por iso tivo a capacidade para sacar os provocadores das marchas, mesmo os encapuchados. Algo que non está sendo posible en Chile, onde as manifestacións son sistematicamente infiltradas por axentes da policía que alentan saqueos que volven á poboación en contra das protestas.
A terceira é que o levantamento foi posible grazas ás comunidades rurais en primeiro lugar, que aportaron o necesario para asegurar a permanencia durante 12 días na afastada Quito. Dúas forzas destacaron: as comunidades da serra central, ao norte e ao sur da capital, e os pobos amazónicos, cuxa chegada organizada como garda indíxena foi decisiva nas xornadas finais.
Tamén houbo unha presenza importante das comunidades urbanas, os barrios pobres onde a mocidade xogou un papel activo e decisivo. Un sector das clases medias urbanas superou o racismo fomentado polos medios e apoiou con auga e alimentos aos pobos orixinarios.
Por último, está a interpretación do que vén sucedendo. Entre as diversas análises, creo que a máis profunda é a que ensaia Juan Cuvi e os seus colegas, nun traballo titulado El agotamiento de un modelo de control social (https://bit.ly/2W6nLsV). Este modelo naceu a comezo da década de 2000 con Lucio Gutiérrez e foi desenvolvido na década de Rafael Correa.
En efecto, o modelo está en crise, pero non se albisca nada que o poida substituír a curto prazo. Por iso o caos en curso, que durará un tempo imprevisible, ata que maduren as forzas capaces de superalo. Debemos pensar en términos de décadas, máis que de anos e, aínda menos, comprimir os cambios en curso aos tempos electorais. Tampouco podemos pensar que o que veña será necesariamente mellor que o que caduca.
Unha gran desorde, como sinalaba Mao Zedong, pode ser algo positivo. Unha gran orden é o cemiterio social que necesitan os capitais para seguir acumulando. Non abonda coa desorde para modificar as cousas. O sistema conta coa protesta social para reconducila cara aos seus intereses, aproveitando a confusión que lle pode ser funcional, se non atopamos o xeito de converter a coxuntura nun escenario favorable aos pobos.
Artículo de Raúl Zibechi publicado en La Jornada (México)