O laboratorio neoliberal do amorodo de Huelva
Pastora Filigrana
Os debates dentro da esquerda formulan se é máis importante empezar pola loita de clase, a loita contra o racismo, contra o patriarcado ou contra o “desarrollismo”. Moitos destes debates buscan unha resposta unívoca do tipo: «A clase no centro» ou «o racial é o determinante». A polarización nos debates obvia algo esencial e é que estas son realidades entrecruzadas, indisolubles que se encarnan nos corpos de traballadores, e que se manifesta con maior violencia dependendo do xénero e a orixe.
Cando dicimos que o neoliberalismo se basea na explotación do traballo, asalariado ou non, e que esta explotación se realiza entrecruzando diferentes eixes de opresión, como son o xénero e a raza, non estamos dicindo algo abstracto e intanxible. Esta evidencia da alianza opresiva entre clase-raza-xénero pode verse, ulirse e tocarse a escasos kilómetros da Sevilla natal desta publicación: na macro explotación do froito vermello de Huelva. Ademais, esta acumulación de riquezas non só necesita a explotación do traballo vivo, senón que necesita tamén a sobre-explotación da terra e os recursos naturais. A agricultura intensiva do froito vermello en Huelva é un claro exemplo de todo isto.
A explotación laboral do amorodo
En Huelva dedícanse once mil hectáreas ao cultivo do froito vermello, aínda que popularmente coñécese como o amorodo. Huelva produce o 100% da framboesa española, o 96% dos arandos e o 97% do amorodo. Durante os meses de marzo a maio lévase a cabo a recolección da froita, unha tarefa que, calcúlase, necesita máis de oitenta mil persoas traballando. Os beneficios que supón o cultivo deste froito para a comarca onubense ascenden a catrocentos millóns de euros.
As empresas que conforman a patronal do amorodo, igual que calquera patronal, teñen dous recursos dispoñibles para aumentar os seus beneficios: a innovación tecnolóxica e o abaratamento do salario. A innovación tecnolóxica nun proxecto empresarial como este é moi limitada. Cultivar baixo os invernadoiros, os famosos plásticos, supuxo no seu día unha destas innovacións tecnolóxicas que disparou os beneficios porque permitiu producir amorodos fóra do seu ciclo natural. Porén, a innovación tecnolóxica toca teito e, máxime na recolección e pola propia delicadeza do froito, non permite usar máquinas. O único recurso que ten a patronal para aumentar beneficios é, polo tanto, o salario, é dicir, pagar o menos posible polo maior traballo posible. Vexamos as estratexias utilizadas para este abaratamento salarial que revirte directamente nas ganancias da empresa:
-
O Convenio do campo de Huelva é o que establece o salario máis baixo para este labor no Estado español. Na actualidade o salario día para unha xornada de traballo é de corenta e dous euros, un prezo por debaixo do novo salario mínimo interprofesional. Para que puidera pactarse un salario maior sería necesario que os sindicatos negociaran con presión fronte á patronal. A realidade é que os sindicatos maioritarios asinantes do Convenio foxen desta confrontación e temen romper a paz social da industria máis importante da provincia. Os sindicatos minoritarios, cunha tradición máis combativa, teñen pouca representación na comarca, principalmente porque a poboación xornaleira é inmigrante con moita mobilidade e dificilmente quedan a construír sindicatos.
-
Outro dos recursos para abaratar o salario serviuno en bandexa a propia lei de estranxeiría. Esta lei permite a contratación de persoas traballadoras no seu país de orixe que virán directamente para a campaña de recollida da froita e marcharán cando esta acabe. Este ano viñeron máis de 19 000 mulleres marroquís a través desta posibilidade que outorga a lei de estranxeiría. As xornaleiras descoñecen o Convenio e gran parte dos seus dereitos, viven en situacións de illamento nos predios e ocúltanlles os mecanismos que deben activar no caso de que sufran algún abuso empresarial. En teoría deben cobrar o salario que se establece no Convenio do campo na provincia, pero segundo os seus testemuños rara vez o cobran e as súas posibilidades de reclamar xudicialmente son escasas porque, entre outros motivos, serán devoltas en canto acabe a campaña. Na parte do salario legal que a patronal non paga a estas traballadoras está a ganancia empresarial.
A explotación racial do amorodo
Como se vén expoñendo, un dos recursos do capital para obter maiores beneficios é abaratar salarios e isto será máis fácil canto máis extremas sexan as condicións vitais das persoas traballadoras. Segundo a orde económica mundial, as persoas fillas da colonia, é dicir, non occidentais, sempre estarán en desvantaxe económica respecto a occidente.
O mundo funciona pola sustracción sistemática de recursos materiais e humanos de dúas terceiras partes da poboación mundial cara a unha primeira parte. Esta ordenación económica, que comeza no século XV coa expansión do capitalismo, situou na xerarquía da pirámide social a poboación europea branca e as poboacións do resto do mundo quedaron convertidas en colonias produtoras de materias primas e corpos traballadores baratos a prol do desenvolvemento da Europa branca. É por isto que o racismo é un factor de ordenación da riqueza no mundo e non só unha actitude de intolerancia dos diferentes como adoita usarse coloquialmente. Por iso sempre é máis barato contratar persoas migrantes: porque son máis pobres.
O contrato en orixe de persoas traballadoras inmigrantes empezouse a utilizar con poboación de Europa do Leste e as xornaleiras eran polacas, lituanas ou ucraínas. No ano 2006 decidiuse cambiar por poboación marroquí e o acordo faise dende entón co Reino de Marrocos. Esta decisión non foi casual. As traballadoras de Europa do Leste eran problemáticas, esixían dereitos, saían de noite, querían quedar despois da campaña e ata botaban noivos onubenses. As marroquís presentábanse como unha opción máis dócil: son musulmás, saen menos, deben respecto ás súas familias e maridos, non se criaron no comunismo e están naturalmente afeitas a servir sen protestar. Isto é o racismo e o colonialismo como estratexia de explotación a favor dos intereses do capital.
A explotación de xénero no amorodo
A patronal do amorodo só quere mulleres. Como diciamos ao principio, durante a recollida do amorodo requírense varios miles de persoas traballando. Moitas delas son mulleres e homes autóctonos, pero para os postos que non se chegan a cubrir coa poboación autóctona precísase a contratación de persoas inmigrantes. Para isto é para o que se utiliza a contratación en orixe.
Ao Goberno marroquí fánselle chegar as necesidades de man de obra de cada empresa e encargaranse dunha preselección en orixe. Hai unha calidade na que coinciden ao 100% todas as empresas: que sexan mulleres. Ademais, requírese que teñan familia ao seu cargo no seu país de orixe, alomenos un fillo menor de 12 anos. Os empresarios xustifican a decisión pola delicadeza que require o traballo de recollida do amorodo. A realidade que se oculta detrás é que no imaxinario machista considérase que unha muller será menos conflitiva sindicalmente que un home á hora de reclamar os seus dereitos. Se a isto ademais se lle suma que é unha muller pobre, que polo mesmo traballo de recolección no seu país cobra un xornal de sete euros, que ten fillos ao seu cargo e unha familia musulmá, a súa docilidade será maior.
A infantilización no trato é moi común: mesmo en declaracións públicas, os empresarios falan de castigos ás traballadoras en lugar de sancións laborais. A muller pobre, musulmá, inmigrante e con fillo ao seu cargo, convértese no suxeito perfecto para abaratar salarios e condicións laborais, en xeral, sen temor a unha resposta sindical organizada. Cando falamos da alianza entre o capital e o patriarcado non é só unha consigna, é isto.
A sobreexplotación da terra no amorodo
A produción do amorodo está regada coas augas subterráneas que nutren as lagoas e os ecosistemas do Parque Nacional de Doñana. A Junta de Andalucía recoñece que o 15% destes regos son ilegais, pero as asociacións ecoloxistas que traballan na zona manteñen que o 30% das plantacións de amorodo se nutren de acuíferos ilegais que afectan directamente ao Parque Natural. Isto supón que unha de cada tres hectáreas de plantacións de froito vermello se rega ilegalmente a costa das augas subterráneas do Parque. Na actualidade, España enfróntase a unha sanción por incumprir a normativa europea sobre augas. Non obstante, a Junta de Andalucía négase a declarar a zona con acuíferos sobreexplotados nunha nidia connivencia cos intereses da patronal do amorodo.
Este esgotamento dos acuíferos repercute directamente na perda de biodiversidade. A supervivencia de varias especies autóctonas de aves, mamíferos, plantas e insectos está en perigo. Isto non vai de salvar paxariños desmontando a economía local e a renda de moitas familias. Isto vai de que a perda de biodiversidade repercute na desaparición do ecosistema que nos procura o alimento, a auga e a saúde. Estamos cortando a póla da árbore sobre a que estamos sentadas.
Do aquí contado pódese concluír que a ganancia da patronal do amorodo pasa polo abaratamento das condicións de traballo das xornaleiras e xornaleiros. E que, para que este ataque aos dereitos de persoas traballadoras xere a menor protesta posible, se escollen as persoas nunha situación de vulnerabilidade maior. Nun sistema-mundo patriarcal e racista as persoas nunha situación de maior vulnerabilidade son as persoas non-brancas que non habitan en Occidente, a migración e, de entre estas xentes, as mulleres. Pobreza, machismo, racismo e insustentabilidade da terra ao servizo da ganancia do capital.