En cuarentena, segue a resistencia ao sistema

Foi venres e 13 o día que se notificou en Guatemala o primeiro caso de COVID-19. Esa segunda fin de semana de marzo e primeira despois da noticia, a actividade transcorreu con normalidade, a xente deuse, sen meditalo moito, os últimos bicos e apertas de saúdo e despedida, os comercios funcionaron como calquera outro sábado ou domingo, e a xente entón saíu á rúa, probablemente sen considerar o que estaba por vir.

O 15 pola noite sóubose do falecemento da primeira persoa por coronavirus no país, un home de máis de 80 anos, e o presidente Alejandro Giammattei, anunciou unha serie de medidas de contención que, como no resto do mundo, tiveron un impacto irreversible na vida das persoas e na economía do país. Esa semana canceláronse todas as actividades educativas, relixiosas, labores non esenciais e o transporte público. Sete días despois impúxose un toque de queda co que quedou prohibida a circulación de persoas e vehículos durante 12 horas diariamente.

Dende entón o medo cobrou outra dimensión, existe incertidume por non saber que pasará máis adiante, centos de persoas están nas rúas buscando solidariedade porque cada vez, hai máis estómagos baleiros en diferentes partes do país. Moita xente perdeu o traballo ou viuse na obriga de aceptar un recorte salarial, un significativo número de pequenos negocios e comercios pechou; polas medidas decretadas, o comercio informal en gran medida paralizouse e no campo moitos dos produtos non se puideron transportar.

Ao peche desta edición notificáronse 2.512 casos en Guatemala e, segundo Edwin Asturias, médico e experto en epidemioloxía, nas últimas semanas de maio e primeira de xuño o virus estará no seu pico máis alto; alarmante situación nun país onde existen 45 hospitais e 8.453 camas, segundo o Ministerio de Saúde.

Un monstro insaciable que non descansa

O sistema. Ese, en realidade, é o virus que envelena e contamina porque explota territorios e extrae os seus bens naturais. O espolio ten sido unha constante no país, durante anos os pobos denunciárono e resisten fronte a ese monstro que non dá tregua nin en época de pandemia.

Lesbia Villagrán é de San Rafael Las Flores, un municipio do departamento de Santa Rosa, onde hai máis de tres anos comunidades organizadas e en resistencia decidiron instalar, as 24 horas do día, un piquete na localidade de Casillas para impedir os traballos da empresa mineira San Rafael S.A.

No municipio, a poboación acata as normas de confinamento pese a que iso implica días de fame para moitas persoas, “é lamentable a situación porque non se pode traballar e moitos vense obrigados a pasar de casa en casa para pedir comida”, agrega Lesbia, ao mesmo tempo que denuncia como a empresa mineira segue funcionando. Polas medidas decretadas, “a resistencia que se estaba a facer, levantouse en Casillas porque non outorgaron o permiso para permanecer no piquete, e dende ese momento entran e saen os camións da empresa, nós mandamos facer valos e deixámolos postos, pero ese mesmo día, á hora do toque de queda, quitáronos. Unha persoa é penalizada por estar na rúa, pero para os empresarios de aquí non houbo cambio”, sinala.

Ésta é unha das tantas realidades de cara ao COVID-19, que quedan fóra das coberturas informativas. Durante máis de dous meses os medios de comunicación e as redes sociais, están saturadas con información do número de contaxios, de mortes, do impacto na economía, do aumento dos índices de pobreza e das carencias do sistema de saúde. É necesario dar cabida ás voces dos que se enfrontan a ese monstro insaciable que vende a idea dun desenvolvemento que pagan moi caro as maiorías e a natureza, porque contribúe a evidenciar que esta é unha crise global e social, ecolóxica e económica, produto dos impactos ambientais acumulados provocados ao planeta. Moi pouco se ten dito de como a destrución masiva de ecosistemas, a depredación e o saqueo de bens naturais, reduce os espazos para a vida silvestre e expón aos seres humanos a novas maneiras de contacto con microbios; de como a industrialización da produción de alimentos animais é a principal fonte de contaxio, ao provocar mutacións dos virus que afectan á especie humana.

Defender a auga é protexer a vida. Fotografia Alianza por la Solidaridad

Insistir nisto é fundamental para xerar conciencia da urxente necesidade de defender os bosques, a auga e a terra, sobre todo nas áreas urbanas. María Caal, concelleira da Corporación Municipal de Cahabón e parte da resistencia pola defensa dun dos ríos máis grandes do país, o río Cahabón, en Santa María Cahabón, Alta Verapaz, asegura que preservar estes caudales de auga é vital para protexer a vida. A tarefa nunca foi fácil pero, ao igual que en San Rafael Las Flores, estes últimos meses complicáronse aínda máis pola pandemia e pola orde gubernamental de permanecer nas casas. “Suspendéronse moitas actividades, a resistencia non parou porque seguimos firmes na loita por defender a auga, e estivemos informando ás comunidades, pero foi máis difícil todo”. Deste municipio é tamén Bernardo Caal, líder q’eqchi’ sentenciado a 7 anos e 4 meses de prisión por enfrontarse ás gadoupas do monstro, e impedir que os proxectos hidroeléctricos da empresa Oxec S.A. acaben co río Cahabón. “O proceso que iniciamos para a súa pronta liberación, con esta situación do coronavirus, quedou estancado, e o meu irmán segue estando preso inxustamente e co risco de contaxio pola falta de medidas de saúde que hai no cárcere, pero nós seguimos loitando por él e polo río”, afirma María.

Guatemala conta con condicións naturais favorables para dispoñer de auga suficiente, pero a realidade para a meirande parte da poboación é outra. Por exemplo, só no municipio de Guatemala de 250 mil fogares atendidos pola Empresa Municipal de Auga, 50 mil non contan co servizo. Os datos cobran maior relevancia de cara ao COVID-19, sobre todo porque lavar as mans, todas as veces posibles, resulta ser indispensable para enfrontar e salvarse da enfermidade.

“Nós defendemos os ríos porque as empresas os están destruíndo, desvíanos e contamínanos, e iso aféctanos a todos, con que auga nos imos lavar e limpar do virus se os ríos están secos?”, cuestiona María quen, igual que Lesbia, coincide ao enfatizar que “nada máis se levante o toque de queda volveremos con máis forza á resistencia”. A súa convición é auténtica, sobre todo porque se enfrontaron firmemente, como centos de mulleres e homes nos diferentes territorios, a un sistema voraz que as persegue, criminaliza e violenta, e agora a un virus que agudiza as condicións de pobreza e fame nas comunidades.

En San Rafael Las Flores, “é tremendo o que se vive e se mira, a vida é dura, a cesta da compra básica aumentou, a libra de tomate, por exemplo, chegou a costar 9 quetzales -pouco máis de un euro- e a axuda prometida polo goberno non chegou”. Lesbia perdeu o traballo, os donos da casa á que diariamente ía cociñar e limpar dixéronlle que por seguridade xa non fora, hai algúns meses quedou sen o apoio da súa familia por estar na resistencia, houbo días que os pasou sen ter algo para comer, “pero eu sei que saio desta e volverei ao piquete a facerlle fronte á empresa”.

Os ingresos da poboación reducíronse, a diminución de horas para a mobilización das persoas impediu a xeración dunha entrada de diñeiro. Dos apoios prometidos polo goberno, “non se mirou nada aquí”, comenta María e, aínda que recoñece que o virus afectou á economía da poboación, “nas comunidades conseguimos resistir porque cortamos un pouco de herba e imos á milpa, é desa terra que tanto defendemos e pola que estamos dispostos a dar a vida, que sacamos algo de comida. Aínda que o goberno e as empresas nos persigan, nós imos seguir loitando polos ríos, os bosques e a terra, porque é aí onde está a vida e porque é o único, penso eu, que nos fará máis fortes para enfrontar o virus”, conclúe.

Colectivo MadreSelva


[Fotografía de portada de Simone Dalmasso]