Desabastecemento
Rematamos o 2021 coa palabra desabastecemento, e seguimos. Por exemplo, faltan chips (o que afecta a industrias como a dos móbiles ou a automoción) e materiais de construción (madeira, pinturas, aceiro).
Por faltar, empeza a haber carencia ata de bebidas alcohólicas. De maneira acoplada, aumenta o prezo de distintas mercadorías, como a electricidade. Esta situación ten detrás un incremento da demanda froito dunha certa reactivación económica, pero a chave está en analizar por que esa demanda non se está podendo cubrir. Para enxergar respostas necesitamos unha mirada unidimensional, pois o que estamos a vivir é o resultado de múltiples factores entrelazados.
Un dos elementos detrás do desabastecemento é o loxístico: despois do parón impulsado pola COVID-19, as cadeas de produción e distribución globais non son quen de poñerse en marcha de maneira automática. Necesitan tempo para restablecer o ritmo de transporte marítimo ou o funcionamento dos portos.
Súmase o modelo económico. Unha produción just in time, sen almacenamento, e na que a especialización produtiva territorial é moi alta (por exemplo, a meirande parte dos chips do mundo fabrícanse en Taiwan), fai que o sistema sexa moi vulnerable. Ante o fallo dun nodo de produción mundial, como está sucedendo co de chips en Taiwan, non hai stock que poida soster durante un tempo a demanda ata que a produción se recupere. Tamén é parte do modelo económico un control oligopólico de moitos sectores, como o do transporte marítimo global ou o da produción eléctrica en España, que permite a estes actores usar a súa posición de forza. E unha fixación de prezos que depende en boa parte dos mercados financeiros, que adoitan ser amplificadores dos prezos altos, por exemplo, de materias primas, pois fomentan procesos especulativos.
Ao modelo económico engádese a crise económica que se arrastra dende, alomenos, 2007, que impulsa un desinvestimento en diferentes sectores. Sen expectativa de beneficio clara, os capitalistas non invisten na economía produtiva e están desviando as súas procuras de lucro á financeira. O sector petroleiro ilustra ben este feito. A pesar de que cada vez custa máis extraer petróleo, pois está situado en lugares máis inaccesibles (en augas ultraprofundas, en rexións árticas ou embebido en rochas duras), as empresas, en lugar de estar aumentando o seu investimento, estano reducindo. A causa detrás disto é sinxela: simplemente non lles resulta rendible, como amosa a quebra en cadea de corporacións especializadas en fracking dende 2020 ou o anuncio de petroleiras de tamaño medio como Repsol de que van abandonar o sector. Isto redunda nunha menor dispoñibilidade de bens mesmo cando sube a demanda, pois un campo petroleiro require anos para ser posto en funcionamento.
As decisións políticas tamén desempeñan un papel no proceso de desabastecemento. Deste xeito, o brexit, combinado coas medidas de restrición migratoria, impulsaron a falta de camioneiros en Reino Unido, o que contribúe ao desabastecemento. Outro exemplo é como Rusia usa a súa posición de forza con Europa (é un dos nosos principais subministradores de gas) para gañar posicións na xeopolítica global.
Hai políticas de máis longo alento que tamén é necesario destacar, como as laborais. Tanto empresas como gobernos precarizaron ata o intolerable a vida de moitas persoas que, simplemente, abandonan os sectores onde as condicións de traballo son inadmisibles. Novamente, o sector dos camioneiros é un bo exemplo. E esta precarización non é consecuencia da avaricia dunhas poucas persoas (ou, alomenos, non só), senón que está relacionada cos procesos de desinvestimento e, en definitiva, coa crise estrutural do capitalismo. Como o noso sistema socioeconómico non consegue recuperar altas taxas de reprodución do capital, presiona os elos máis febles para intentalo. Dito doutro xeito, a precariedade laboral é unha política ata certo punto inevitable nunha coxuntura de debilidade das forzas populares nun sistema altamente competitivo e en crise que é cego a calquer outro imperativo que non sexa reproducir o capital.
Economía ecolóxica: a raíz ambiental da crise
Pero todo isto é insuficiente para comprender o que sucede se non sumamos a mirada ambiental. Vivimos nun planeta de recursos finitos e os límites de dispoñibilidade de distintos materiais xa os estamos acadando. Por exemplo, a extracción de prata, necesaria xunto a outros 40 elementos para a produción de móbiles, pois é un dos que integran os chips, está estancada dende hai anos como consecuencia dos límites de dispoñibilidade xeológica. O problema non se restrinxe á prata, senón que abarca o cadmio, o cobalto, o cromo, o cobre, o indio, o litio, o manganeso, o níquel, o chumbo, o platino, o teluro ou o zinc. Os impactos esténdense polo conxunto da economía, pois sen unha dispoñibilidade crecente destes elementos non se poden fabricar cada vez máis muíños eólicos, ordenadores, aceiro ou coches.
Non só faltan materiais, senón tamén enerxía. O aumento do prezo do gas é o principal vector que está facendo medrar os prezos da electricidade en España e noutros lugares de Europa. Os principais subministradores de gas á Unión Europea son Rusia e Arxelia e ámbolos dous países están atravesando unha situación similar: a súa capacidade extractiva deste combustible fósil está estancada dende hai anos. É máis, o seu consumo interno aumenta, o que fai que a súa posibilidade exportadora se resinta máis, o que tensiona os prezos á alza. E, sen cambiar de modelo, hai poucas opcións, pois o gas transpórtase mal por mar (é caro e podemos movelo en cantidades pequenas se as comparamos co consumo), o que exclúe como alternativa o gas estadounidense ou catarí.
A situación do gas non é única dentro do panorama enerxético. A extracción de petróleo parece que chegou ao seu máximo en 2018 e isto é fundamental na articulación da economía global, pois arredor do 95% do transporte queima derivados do petróleo. É máis, este transporte depende sobre todo do diésel, que está en caída polo menos dende ese 2018. E podemos engadir o carbón, pois detrás dos apagóns na rede eléctrica chinesa está a súa dificultade para atopar este combustible en cantidades suficientes nas súas propias minas e nas internacionais. Por exemplo, levantou o veto que tiña á importación de carbón australiano, pero nin con esas consegue garantir unha produción eléctrica que evite cortes recurrentes.
O cambio climático tamén está contribuíndo á situación. Volvendo a Taiwan, principal produtor mundial de chips, alí o cambio climático está sendo un factor determinante na seca que sofre o país. Isto está afectando á produción de chips, pois Taiwan Semiconductor Manufacturing Company (TSMC), líder mundial desta industria, utiliza 156.000 toneladas de auga ao día na produción dos seus chips. E se non hai auga…
Mesmo a crise ecosistémica empuxou ao desabastecemento. Os problemas loxísticos como consecuencia da pandemia de COVID-19 relaciónanse coa perda de biodiversidade, pois hai unha ampla bibliografía científica que sinala que a ruptura dos equilibrios ecosistémicos é determinante na expansión de enfermidades zoonóticas (que proveñen doutros animais) que estamos vivindo nos últimos anos. Unha destas enfermidades, como sabemos, é a COVID-19 que, combinada cuns insuficientes servizos sanitarios e unha forte interconexión global, provocou unha pandemia que obrigou a ralentizar a economía entre o inverno de 2019 e o verán de 2021.
Decrecemento e transición ecosocial
Varias das causas do desabastecemento son coxunturais, pero outras, como as ambientais, son estruturais e irresolubles. Por máis diñeiro que se invista, non conseguiremos crear prata ou gas novo na Terra. A esencia do desabastecemento é o choque dun sistema que necesita expandirse constantemente coa imposibilidade física e ecosistémica de soster esta expansión.
Por iso, no século XXI temos unha gran disxuntiva: manter un sistema que nos aboca a un desabastecemento, que será cada vez máis profundo e xerador de desigualdades, ou transformar radicalmente a nosa maneira de relacionarnos co resto da vida e entre as persoas. Esta segunda opción pasa por poñer en marcha políticas de decrecemento, localización e integración do metabolismo humano no funcionamento do metabolismo da vida (ou, dito doutro xeito, economías baseadas na agroecoloxía e non na industria ou os servizos). Tamén por trascender o capitalismo a través dunha desmercantilización e desalarización das nosas vidas. E todo iso debe realizarse con fortes medidas de redistribución da riqueza que nos permitan vivir a toda a poboación mundial dignamente de maneira austera. En definitiva, ter vidas plenas en harmonía co conxunto da vida sen tentar, enfermiza e continuamente, traspasar os límites do noso fermoso planeta. En Escenarios de trabajo en la transición ecosocial 2020-2030 propoñemos ideas máis concretas de como facer esta grande transición para o noso territorio.
Luis González Reyes, membro de Ecoloxistas en Acción