Cultopías, “IniciARTivas” para cambiar o mundo
Fai xa case unha década dende que decidimos crear Cultopías, un espazo web onde homenaxear, agradecer e dar a coñecer a persoas e colectivos que poñen as súas experiencias creadoras e xenerosidade solidaria ao servizo da transformación social e cultural.
Cultopías naceu, impulsada con esa pretensión de amosar as diversas maneiras nas que as disciplinas artísticas se achegan ás problemáticas sociais, que acompañan a vida social e cultural nos países obxecto da nosa preocupación, que serven de apoio e reforzo ao traballo solidario e de denuncia que dende Entrepobos queremos e impulsamos. Referímonos a aquelas persoas, entidades sociais e colectivos que fan do teatro, da música, da escritura, da imaxe, etc., a súa aportación a esa solidariade e denuncia da que falamos.
Para incluír ese apartado social, necesitabamos un novo espazo que visibilizara noticias, sinalara enlaces a outras webs, dera a coñecer locais, artistas e as súas obras e informara de estreas culturais con compromiso social. Unha ferramenta difusora de experiencias artísticas e de encontro cunha mirada transformadora e uns obxectivos moi nidios: fomentar a cooperación solidaria e a educación emancipadora a través das disciplinas artísticas e culturais, así como achegar e pór en valor o punto de encontro entre arte e compromiso social ao servizo da solidariedade e o traballo social como ferramenta de recursos para a cidadanía global a través de Cultopías.
Nestes dez anos, Cultopías amosou perto de mil noticias e creacións que agardamos serviran polo menos para dar a coñecer distintas experiencias culturais transformadoras arredor do planeta. Algunhas delas están vinculadas directamente cos colectivos e movementos sociais cos que traballamos ou acompañamos en distintos países, outras moitas son tamén iniciativas profesionais que coa súa calidade facilitan a comunicación.
Porén, á altura de 2018, o sistema de publicación de Cultopías quedara obsoleto e incompatible coas novas versións de linguaxe de programación, e isto facía que a web fora moi vulnerable. Estas circunstancias “técnicas” animáronnos a repensar a web cun novo deseño e outro enfoque menos estático que a versión anterior, con novos sistemas de xestión de contidos, cun sistema de software aberto e libre, acorde cos principios de Entrepobos, e que se adapta mellor ao uso das redes sociais.
A través do proxecto “Cultopías, iniciativas para transformar o mundo”, cofinanciado pola Xunta de Castela e León, puidemos poñernos a esta tarefa.
Para esta nova estrea, pensamos oportuno recoller as consideracións dos representantes de colectivos de Castela e León vinculados á arte, á xestión cultural e a ONGs. Para iso, preparamos numerosas entrevistas presentándolles a iniciativa, artellando propostas e suxerencias, e valorando a súa necesidade. Deste xeito xurdíu este proxecto, que dende a súa orixe foi creado a modo de mochila ou macuto no que reunir “IniciARTivas” “ARTivistas”, experiencias artísticas ou eventos culturais, nacionais e internacionais, que acompañan e poñen voz ás loitas dos movementos pola xustiza social.
Os contidos da nova Cultopías consisten en hipervínculos a PDF que xa son públicos, tráileres que figuran nas webs oficiais, espazos públicos de libre difusión e/ou creative commons. Ningún enlace se vincula a obras protexidas por dereitos de autor-a, e todos son sen ánimo de lucro. Neste punto, tamén cabe resaltar que as ilustracións de Pep Boatella www.pepboatella.com son creacións orixinais realizadas especificamente para Cultopías, para o que contamos coa súa cesión de uso.
Con el realizamos a presentación pública da nova Cultopías en Castela e León, xunto cunha serie de actividades entrelazadas cos obxectivos da web en diversas localidades de Castela e León contando coa colaboración da activista dos dereitos das mulleres e líder indíxena guatemalteca, Lolita Chávez, con La Otra, cantautora e música involucrada cos movementos sociais e o feminismo, presentada polas cantantes vallisoletanas Ley Mostaza, así como coa ácida ironía e afiado humor sarcástico de Irantzu Varela, introducida por Susana Rioseras, polifacética creadora artística burgalesa.
E é que nestes tempos estraños que nos tocou vivir, fíxose máis palpábel se é posible a necesidade deste tipo de iniciativas “IniciARTivas” e “ARTivistas”, que traballan, antes e despois da COVID-19, en pro da transformación social, para potenciar a voz de colectivos e persoas preocupadas polos problemas sociais alarmantes, modelos e ritmos de vida que temos levado ata agora, tremendamente inxustos e fráxiles, que nos levan a crer, agora máis ca nunca, na necesidade de estimular a creatividade e a comunicación colectiva mediante a palabra, o corpo e a interacción a través dos medios dispoñibles, para facer efectiva a necesidade de xerar conciencia social e esixir compromisos aos que nos gobernan.
O noso afán reside en poder dar unha longa continuidade no futuro a este proxecto, máis dinámico e próximo, para que todo o traballo e a bagaxe acumulada nas nosas costas non caia nun saco roto, e para iso necesitamos as túas Cultopías. Porque queremos seguir avivando a chama do activismo e a mobilización cidadá, continuar chegando á xente, a un gran público cada vez máis diverso e inquedo ao que saciar as súas ganas de sabe, á vez que xeramos máis fame de coñecementos, de expandir os seus horizontes culturais e ampliar as súas miras cara a unha visión máis prismática e periférica da realidade, a través doutras existencias. Vidas cargadas de problemas apremantes que se amorean neste sistema neoliberal e machista que dá máis poder ás multinacionais extractivistas que aos dereitos humanos, e que alimenta crises climáticas que expulsan a comunidades e pobos dos seus territorios provocando migracións que, á súa vez, pechan portas a aquelas persoas que se ven na obriga de migrar.
E a través deste camiñar chegamos a ti que nos les, e que te moves no ARTivismo. Desexamos compartir contigo este proxecto, ao que te convidamos a participar. Acompáñanos para poder achegar os teus coñecementos e saberes, e quen sabe… quizais crear algo xuntas.
Carolina Sáez, Elena Fraile e Manuel Espinilla (Entrepueblos Valladolid)