A pandemia: revela unha crise sistémica a nivel global

A pandemia: revela unha crise sistémica a nivel global. Alternativas dende os movementos sociais en América Latina.

Estamos diante da primeira pandemia realmente global, que deixa á vista as enormes carencias, supremacías, desigualdades dun mundo globalizado con hexemonía capitalista, patriarcal e colonial.

É case un consenso asumir que estamos fronte a unha crise paradigmática, máis exactamente, crise dun Marco Civilizatorio, con prioridade do paradigma do mercado, a especulación, o avance invasivo sobre corpos, terras, territorios, sustentada nunha cultura de individualismo crecente, que marca os horizontes e alternativas da sociedade. A pandemia acentuou a encrucillada da civilización que enfrontamos, deixando espida a tremenda disputa entre un modelo económico depredador e, nada menos, que a sostibilidade da vida. O que nos coloca nun momento de “interregno”, do que falaba Gramsci[1]: cando o antigo está en crise, xa non convence, xa non responde as preguntas, necesidades e desexos vitais…, e o novo aínda non se posiciona, aínda está en proceso de atopar as súas canles de acción e as súas coordenadas de reflexión.   Polo mesmo, é tamén unha crise epistémica, de desorientación cognitiva, que pon a necesidade de avanzar cara a un novo horizonte de sentido histórico que constrúa condicións para vidas que merezan ser vividas.

Esta crise tamén arrastra a institucionalidade global, rexional e nacional. As Nacións Unidas están tremendamente debilitadas, o multilateralismo, tan importante en experiencias como a pandemia, está profundamente esgazado, coa perda crecente da hexemonía norteamericana.   En América Latina, o sistema interamericano, incluíndo a OEA, perdeu a súa relevancia, instancias máis democráticas como UNASUR deron paso a novos arranxos xeopolíticos, como ProSur, moito máis conservadores e inefectivos. Todo isto acompañado dun aumento da debilidade da democracia, cooptada polos poderes económicos (que aumentaron exponencialmente as súas ganancias en pandemia, a costa da vida de millóns de persoas). E o rexurdimento de tendencias non só conservadoras, senón claramente fascistas. A desigualdade, o autoritarismo, o desprezo pola vida de outrxs, ademais do forte racismo preexistente, vemos como xorde un racismo ambiental– que define quen son os máis infectados, quen son os que máis morren. Brasil é o caso máis escandaloso: o exterminio viral de indíxenas e negros. Esta experiencia pon o fascismo e o racismo no centro da nosa reflexión

Polo mesmo, é unha era de redefinicións urxentes. É un momento, como di Maristella Svampa (2020),[2] de liberación cognitiva, que nos leva a superar o desconcerto e a inmobilidade, para ousadamente pensar que aquilo que desexábamos, pero víamos aínda lonxe ou inviable, ou simplemente inimaxinable,  hoxe comeza a ter aires de realidade… ao abrirse outras dimensións para a acción e outros horizontes de transformación. E as posibilidades non son moitas: Ou volvemos á “normalidade” que produciu estes desastres no mundo, ou apostamos por profundizar nun cambio de paradigma – dende unha nova matriz ecosocial, anticapitalista, antipatriarcal, de xustiza ambiental, social, sexual, étnico racial—   Esta é a alternativa á que aspiran e pola que apostan os movementos sociais e as resistencias do Sur global.

 Expresións prefigurativas que auguran outros horizontes de xustiza e democracia

As dúas décadas transcorridas no novo milenio, especialmente a segunda, viviron unha onda global de movementos e revoltas    As dinámicas actuais que foron impulsando os movementos ecolóxicos, indíxenas, urbano populares, afrolatinos, LGBTTI, xuventude, estudantes, así como os feminismos na súa enorme diversidade, ofrécennos outras aprendizaxes, abrindo un horizonte de posibilidades, sustentados nas resistencias cotiás e a incidencia pública.

Os movementos en América Latina trouxeron non só a novidade de incidir na transformación de espazos e dimensións antes non colocadas, como a vida cotiá, o racismo, a diversidade sexual en toda a complexidade.  Despregaron tamén formas de organización e articulación diversas e actuais. Como afirma Jeffrey Pleyers[3], resistindo as xerarquías, impulsando horizontalidade, liderados diluídos, non aferrados, estruturas máis ben laxas, formas de organización coxuntural, en rede, ofrecendo novos fluxos de información, facilitando contacto directo entre activistas, no país, na rexión e a nivel global. Xurdiron outras formas de estar en movemento, facilitando e inaugurando intercambios entre as redes, as organizacións urbanas e rurais, as académicas, os diálogos interculturais, a nivel dos países, das rexións e a nivel global.  Nalgúns países houbo logros importantes, como en Perú onde en plena pandemia acadouse a sinatura do Convenio 189, sobre os dereitos das traballadoras do fogar, que perderan masivamente os seus empregos. Conseguiuse tamén a aprobación da lei de paridade e alternancia nas listas parlamentarias e nas instancias electorais en xeral.  Varias destas dinámicas teñen historia de resistencia das mulleres en moitos dos países da rexión, pero eran impensables inicialmente en pandemia, nun momento de case inmobilismo, profundizaron e/ou provocaron a xeración dun tecido colectivo comunitario que articula formas de solidariedade e resistencia en e dende os territorios, especialmente naqueles espazos onde xeralmente o Estado non chega, ou chega mal.

Nestes procesos, algúns autores[4] sinalan a importancia que adquire a defensa da autonomía, tanto en relación coa independencia dos partidos políticos e gobernos, preservando espazos de decisión propios, como tamén para reproducir as súas propias condicións de vida e avanzar loitas e resistencias cara a transformación máis alá do estatal.  Hai unha reivindicación do plebeo, da cultura popular, das identidades indíxenas, dos feminismos plurais, de Abya Yala, despregando unha crítica firme á cultura dominante e recuperando e afirmando as propias culturas e cosmovisións.  Son loitas múltiples, algunhas delas, como as feministas, tan masivas como nunca se tiña visto; con experiencias de comunicación horizontal, de liderados compartidos e xeralizados, non únicos. E, máis e máis, asumindo a urxencia da interconexión.

Todo isto está tendo nidios impactos nas subxectividades, tamén en maneiras novas de articulación.  Ata antes da pandemia, a rúa era o lugar privilexiado da protesta. Co peche traído pola corentena, moitas das conexións anteriores perderon  forza, algunhas organizacións reduciron as  súas accións, Desapareceron moitas das dinámicas de loita e organización previas, pero outras alimentan procesos de apertura e xeitos diversos de organización, dende un sinfín de iniciativas.  Estendéronse  accións concretas en cada un dos barrios a través de comedores comunitarios, comedores populares ou distribución de alimentos, atención ás persoas maiores. Son actividades de coidado solidario, xerando un espazo de contención emocional, de creatividade, de resistencia e de desobediencia. Xurdiron tamén iniciativas amplas de solidariedade entre movementos. Por exemplo, en Brasil o Movemento Sen Terra, cunha forte organización feminista no seu interior, fai acopio de toneladas de alimentos e distribúeas para os comedores comunitarios. Móntanse tamén feiras itinerantes con aqueles produtos que non teñen saída nos mercados.  Pero tamén a rúa seguiu a ser escenario, de máis e máis experiencias de loita, pola democracia, contra o racismo, polos dereitos sexuais e reprodutivos e o aborto, pola violencia cara as mulleres, pola democracia nos países, contra a criminalización das protestas, pola democratización urxente dos sistemas de saúde, educación, etc. Todo iso acompañando e impulsando outra subxectividade: a indignación pola tremenda inxustiza social, económica, política, física, virtual, que evidenciou a pandemia, que deixou ao descuberto a maneira escandalosa en que se produciu a tremenda desigualdade. Se ben todas estas dimensións foron parte das axendas de loita previas, na pandemia miráronse atacadas ou debilitadas ou amosando toda a súa escandalosa desigualdade.

Unha característica importante é a territorialidade das loitas, que aparece hoxe como elemento constitutivo da acción dos movementos sociais. O territorio convértese no espazo de resistencia, en ámbito de creación de novas relacións sociais e de recoñecemento de novas presenzas e realidades pluriculturais e multiétnicas.  E, se ben estes xiros expresan a énfase no local-nacional, é importante considerar que o global e o local non son mutuamente excluíntes.  O territorial é o espazo de raigame cotiá, onde se despregan prácticas sociais, de amor, de resistencias, onde se recrean experiencias innovadoras ou históricas de organizar a vida e a solidariedade.

É evidente que achegarnos a estas complexas realidades obríganos a revisar as nosas mesmas categorías de análise e estratexias de acción, porque xustamente o reto cara  un futuro diferente require recuperar todos estes espazos concatenados, intersectados, nun mundo cada vez máis diverso, pero tamén máis ameazante. As características pluriculturais e multiétnicas das nosas sociedades, a existencia doutras maneiras de coñecemento e de interrelación, a busca de intercambios interculturais democráticos, etc. empúxanos a des- hexemonizar pensamentos únicos, recuperar outros saberes e cosmovisións, que sustenten e expandan as axendas de resistencia e busca de alternativas.

Este rol preponderante que asumiu o Estado na pandemia, evidenciou a súa responsabilidade para intervir, negociar e administrar as tarefas e os recursos necesarios para acadar a superación da crise. Fixo visible a perversidade da privatización destes servizos e dereitos cidadáns que deixaron no despoxo máis absoluto a maioría da poboación dos países.  Cuestionou profundamente a aspiración neoliberal dun Estado pequeno, que dá o poder aos grandes capitais e desatende totalmente a súa responsabilidade polo benestar da poboación. E amosou a enorme limitación dos estados-nación en América Latina para facerse cargo das poboacións máis distantes dos centros de poder, dos servizos e da diversidade de nacionalidades, culturas, etnias, idiomas que existen no seu territorio. E que tamén son os máis vulnerables.

Todo isto non significa que xa se estea a dar o grande cambio, pero si abre pistas que enriquecen novas subxectividades, acentuadas aínda máis en pandemia: a indignación pola tremenda inequidade en recursos, económicos, emocionais, de saúde, de educación, de perspectivas de vida. A certeza de necesitarnos, de solidarizarnos para sobrevivir mellor, é comezar tamén a enxergar un   novo paradigma, recuperando dimensións de interconexión que quedaran acantoadas co discurso do individualismo como central á lóxica de competitividade e egoísmo propia do capitalismo patriarcal, racista e colonial que pretende neutralizarnos. Este é o sentido do Pacto Social, Ecolóxico, Económico e Intercultural[5] para América Latina, que convida a construír imaxinarios colectivos, articular formas múltiples de loitas dos máis diversos ámbitos da sociedade.

Virginia (Gina) Vargas

 

 

[1] Gramsci, Antonio 1988, Notas sobre Macchiavello: El Estado y la Política. Análisis de Situación y Relaciones de Fuerza. Juan Pablos Ed. México.

[2]  Svampa Maristella 2020.  Reflexiones para un mundo post-coronavirus. Revista Nueva Sociedad. Abril 2020

[3] Pleyers, Geoffrey Movimientos sociales en el siglo XXI: perspectivas y herramientas analíticas. (2018).  CLACSO.

– Ciudad Autónoma de Buenos Aires.

[4]   Massimo Modonesi e Mónica Iglesias 2016. Perspectivas teóricas para el estudio de los movimientos sociopolíticos en América Latina: ¿cambio de época o década perdida? De Raíz Diversa vol. 3, núm. 5, xaneiro-xuño. UNAM, México

[5] Esta iniciativa impulsada por un grupo de persoas e organizacións de diferentes países latinoamericanos, asume  “ … a urxencia de construí dinámicas sociais que sexan quen de responder e contrarrestar as dinámicas de reacomodo capitalista, concentración de riqueza e destrución de ecosistemas que vemos xurdir no medio da crise doCOVID-19, e de configurar, conxuntamente cos que desexen xuntarse, un horizonte colectivo de transformación para a Nosa América que garante un futuro digno.