A nova onda feminista que vén dende o Sur: irrupción, memoria e esperanza

Ante a pasividade, desorientación e inmobilismo das elites políticas tradicionais, eran as Mulheres Unidas Contra Bolsonaro as que se puñan á fronte das manifestacións e lideraban a defensa dos dereitos humanos e as conquistas sociais. Conseguían, así, remover a sociedade brasileira e enviar unha mensaxe de advertencia ao mundo enteiro fronte ao perigoso avance e fortalecemento do neofascismo.

A imaxe das mulleres apoderándose das rúas tamén se fixera visible meses antes en Arxentina e Chile. Entre xuño e agosto as redes sociais inundáronse de panos verdes en apoio ás mulleres arxentinas que saíron á rúa para esixir o seu dereito ao aborto legal, seguro e gratuíto. As manifestacións de solidariedade, que se sucederon en distintas cidades do mundo, e a emotiva mensaxe de apoio das milicianas das Unidades de Autodefensas Femininas Kurdas (YPJ) puñan de relevo, unha vez máis, a enorme capacidade dos feminismos do Sur para romper fronteiras e construír alianzas internacionalistas fronte ao patriarcado.

A histórica vixilia que congregou a máis dun millón de persoas nas portas do Congreso Arxentino, mentres se debatía a lei de interrupción voluntaria do embarazo, foi a expresión culminante da forza dun movemento que fora en aumento co paso do tempo. As feministas arxentinas lembran que, en 1986, perto de 1.000 mulleres acudiron ao primeiro Encontro Nacional de Mulleres; mentres que o último, realizado en Trelew- Patagonia, congregou a máis de 65.000. Sen dúbida, o movemento feminista está en auxe, pero tras del hai unha xenealoxía de mulleres e décadas de loitas. Porque en Arxentina, é imposible entender o poderío actual do activismo sen regresar ás grandes mobilizacións do ano 2015 que, tras a consigna “Nin Unha Menos”, esixían a fin da violencia de xénero e os feminicidios; ou sen lembrar ese grupo de nais que, en 1977, en plena ditadura militar, ataron un pano branco na cabeza e acudiron á Praza de Maio para reclamar a aparición con vida dos seus fillos/as desaparecidos/as.

Un pouco antes das mobilizacións arxentinas, no mes de maio, era a imaxe dun grupo de mulleres chilenas danzando encapuchadas e cos peitos ao descuberto a que daba a volta ao mundo. Era a expresión máis chamativa dunha masiva manifestación na rúa contra a violencia sexual e de ducias de accións que mantiñan paralizados centros educativos e facultades de diversas universidades do país. As protestas comezaran no mes de abril na universidade Austral despois dunha denuncia de acoso sexual, que se sumaba a ducias de casos similares, noutras universidades, que permanecían en total impunidade. E agudizáronse, tras a violación e asasinato dunha nena de 2 anos e a violación múltiple dunha moza por parte dun grupo de seareiros dun popular equipo de fútbol, nun caso que se coñeceu como “a manada chilena”.

“Mátannos, viólannos e ninguén fai nada”, berraban as chilenas nas rúas, ao mesmo tempo que nas asembleas estudaban e debatían sobre feminismo. Deste xeito, e nun feito sen precedentes, o “maio feminista” chileno lograba romper o cerco moral e o silencio cómplice das elites conservadoras conseguindo que a educación non sexista e a violencia sexual se convertesen no principal tema de debate mediático, político e académico durante semanas. Ademais, forzaban ás autoridades universitarias a deixar de encubrir a cultura da violación obrigándoas a comprometerse na creación de protocolos para sancionar e previr o abuso sexual. Unha vez máis o importantísimo movemento de estudantes de Chile, o único actor social que conseguira remover as bases do modelo neoliberal chileno dende o retorno da democracia, facía cambalear os alicerces do país, pero desta volta a transformación estaba liderada por mulleres con demandas claramente feministas e anticapitalistas, capaces de interpelar o conxunto da sociedade.

Porén, a efervescencia das loitas feministas non é o único que teñen en común estes 3 países. Ademais da súa herdanza colonial Arxentina, Brasil e Chile, o ABC de América latina, comparten estados desmantelados polas reformas neoliberais, enormes desigualdades na distribución dos ingresos e unha esgazadora historia de ditaduras militares. Ao que, ultimamente, se suma o auxe de influíntes fundamentalismos relixiosos e poderosas campañas de desinformación e manipulación da verdade ao servizo da extrema dereita.

O panorama é desolador porque, igual que en Europa, nos tres países existe unha crecente incapacidade das elites políticas e dos actores sociais tradicionais de canalizar a frustración de millóns de persoas fronte ás consecuencias do capitalismo extractivista, interpretar as súas demandas e construír alternativas que sexan quen de disputar a hexemonía dos sectores conservadores, cada vez máis autoritarios, intolerantes e perigosos. Neste complexo contexto moitas miradas se dirixen cara o movemento feminista recoñecendo nel unha forza capaz de disputar o relato hexemónico, tensionar o neoliberalismo, enfrontar o neofascismo e cambiar o escenario político de América Latina.

Efectivamente, as experiencias de Arxentina, Brasil e Chile permiten vislumbrar a irrupción dunha nova e vizosa onda feminista, nacida no sur e capaz de pór en evidencia as estreitas relacións entre capitalismo, patriarcado e fascismo. Elementos constitutivos das ditaduras cívico-militares que xa tiveron que enfrontar as feministas de finais do século pasado. Porque esta nova onda feminista é, tamén, continuidade dunha historia de resistencia, desobediencia e loitas compartidas. E é froito do rigoroso e arduo traballo levado a cabo por activistas e organizacións feministas, en tempos onde ser feminista era un estigma e non estaba en absoluto de moda. Quizais por iso, as mozas que hoxe saen á rúa berran que son fillas e netas daquelas bruxas que non puideron queimar e recoñecen, co xesto político e simbólico de levar un pano, a memoria histórica feminista.

As últimas mobilizacións demostraron unha grande capacidade para aglutinar, mobilizar e politizar a mulleres e homes. Rompeuse o silencio fronte as agresións sexuais grazas a un modelo de acción colectiva exitoso, baseado en alianzas transversais e inclusivas entre mulleres de diferentes idades, procedencias, orixes e clases sociais. A forza conseguida é esperanzadora, pero un dos grandes riscos que enfronta o movemento é que este triunfe pola tendencia á alza do feminismo e o seu éxito en redes sociais, e que termine por simplificar a mensaxe e por despolitizar as demandas, transformándoas en obxectos de consumo ou consignas baleiras afastadas da raíz radical e crítica que as orixinou, ata convertelas nunha tecnocracia de xénero á usanza do feminismo liberal.

Ao seu favor, o feminismo latinoamericano ten como selo a súa conexión cos problemas e necesidades reais das mujeres e o seu afastamento das retóricas posmodernas e esencialistas que abundan no feminismo eurocéntrico. Tamén se nutre das experiencias de opresión, racismo e invisibilización que sofren, a diario, os miles de mulleres que tiveron que migrar a países do norte. Por iso, en liña co manifesto: “Un feminismo para o 99%” que asinaron activistas e intelectuais como Angela Davis, Zillah Eisenstein ou Nancy Fraser para a Folga do 8 de Marzo en Estados Unidos, as chilenas Luna Follegati e Daniela López formulan que un feminismo que pretenda constituírse en movemento social e alternativa ao feminismo liberal debe ser de fundamentalmente de clase, popular, antirracista, inclusivo e diverso.

Iso supón asumir enormes desafíos. Por unha parte, é necesario ampliar o marco de debate a todas as violencias machistas (física, psíquica, sexual, económica, estrutural, social, cultural e/ou simbólica) e incorporar outras problemáticas que define a economía feminista como a crise dos coidados, a explotación, a precariedade, a subordinación, a división sexual do traballo ou o saqueo da natureza. E, por outra parte, é preciso contextualizar temas como a violencia sexual e o aborto, no marco das dinámicas capitalistas e coloniais que crean as condicións para existan as opresións de xénero, raza, clase e orientación sexual. Nesta liña debater, por exemplo, sobre as relacións entre aborto, racismo e clase social no espazo público pode contribuír á ruptura dos paradigmas culturais e económicos nos que se sustenta a desigualdade. Todo iso sen perder a pluralidade do movemento, evitando a súa fragmentación e sen renunciar ás particularidades de cada contexto.

O escenario actual é perigoso, as narrativas de odio antifeministas que propaga a ultradereita polo mundo exixen a berros construír redes internacionalistas, enfrontar as disputas que atomizan o feminismo, expandir a ética da sororidade e practicar o coidado. O que me fai lembrar a Alain Touraine, que hai un par de anos nun encontro organizado por chilenos/as en Barcelona, nos dicía referíndose ao feminismo: “só os movementos sociais radicalmente éticos e democráticos terán trascendencia”. Entón, en tempos obscuros toca mirar, escoitar, acompañar, aprender dos feminismos do Sur e non perder a esperanza.

Artigo de Judith Muñoz Saavedra. activista, investigadora e docente chilena

Fotografía de Nico Avelluto