Defensa do territorio
Economía social e solidaria
Pobos indíxenas
Soberanía alimentaria

Nin a pandemia nin o estado de sitio frearon aos pobos en movemento

O ano previo á pandemia, foi un dos máis ricos e prometedores protagonizados polos pobos en movemento en América Latina

Son ben coñecidos os grandes feitos, como o levantamento indíxena e popular en Ecuador en outubro, o estourido en Chile dende novembro, a ondada de mobilizacións en Colombia como non se coñecían desde había moito tempo, ademais do protagonismo popular en Haití e Nicaragua, precedidos polas Xornadas de xuño de 2013 en Brasil e as de decembro de 2017 en Arxentina.

En agosto de 2019 o zapatismo anunciou a súa terceira expansión. Pese a que as comunidades, municipios autónomos e xuntas de bo goberno están rodeadas pola metade do exército mexicano, as bases de apoio zapatistas conseguiron romper o cerco ampliando os seus territorios e multiplicando espazos de resistencia. Nun comunicado librado o 17 de agosto e asinado polo subcomandante Moisés, indíxena convertido en voceiro do movemento, anuncia a creación de sete novos caracois e catro municipios autónomos, que se denominarán en adiante “centros de resistencia autónoma e rebeldía zapatista”.

O máis importante é que varios deses centros atópanse máis alá da zona de control tradicional do zapatismo, mentres que outros son lindeiros e reforzan a presenza que teñen na rexión histórica desde o alzamento de 1994, cando recuperaron centos de miles de hectáreas dos grandes terratenentes. Agora xa suman 43 centros zapatistas.

Entre as accións menos visibles, pero non menos profundas, quixera destacar que en 2019 creouse a Garda Indíxena Comunitaria “Whasek” Wichi no Impenetrable, no Chaco, Arxentina. Desde 2015 funciona o “Goberno Territorial Autónomo da Nación Wampis”, no norte de Perú, que abarca 22 comunidades e máis de un millón de hectáreas con 15 mil habitantes. O mesmo camiño comezan a percorrer outros tres pobos amazónicos.

A loita dos tupinambá do sur de Bahía (Brasil), permitiulles recuperar 22 facendas e miles de hectáreas, pese á represión e as torturas aos seus dirixentes (Fernandes, 2013). O pobo mapuche no sur de Chile recuperou 500 mil hectáreas por acción directa desde a década de 1990, cando se restaurou a democracia para acantonalos coa aplicación da lei antiterrorista herdada da ditadura de Pinochet, pero despois aplicada igualmente por gobernos progresistas e conservadores (Zibechi, 2020a).

A estas experiencias podemos sumar centos e quizais miles de comunidades autoxestionadas en toda América Latina. Os estudos máis acertados amosan que aproximadamente a metade do territorio latinoamericano está en disputa entre o capital transnacional e os pobos, como ensinan os traballos do Instituto para o Desenvolvemento Rural de Sudamérica. Unha verdadeira guerra pola terra e o territorio que atravesa cinco séculos e que se ten intensificado nas últimas décadas ao abeiro da acumulación por desposesión.

O certo é que a finais de 2019 os pobos estaban á ofensiva, en toda a rexión En primeiro lugar, é necesario destacar o novo papel das mulleres e, moi particularmente, das mulleres dos sectores populares, mestizas, negras, pobres. En segundo lugar, é notable o crecemento do activismo popular, rural e urbano, campesiño, negro, indíxena e das periferias urbanas.

Dende que a pandemia de coronavirus impuxo un corte aos procesos e aos movementos latinoamericanos, estes continúan por outras canles, doutros xeitos e maneiras de actuar. Quixera abordar brevemente as cinco características máis destacadas que observo na acción colectiva entre marzo e maio, despois de intercambiar pareceres con movementos de case todos os países sudamericanos, de México e O Salvador.

O primeiro aspecto é que se produce unha viraxe cara adentro. Quizais o movemento que mellor o exprese sexa o Consello Rexional Indíxena do Cauca (CRIC), co seu lema de “Una Minga hacia Adentro”. Mentres a Garda Indíxena efectúa o control territorial, pechando o paso ás persoas e vehículos non autorizados polos cabidos, a minga cara adentro coloca en primeiro plano a medicina tradicional e a harmonización das persoas no territorio.

As emisoras indíxenas tornáronse estratéxicas e claves deste proceso, xa que seguen as instruccións das autoridades territoriais. O rito e cerimonia indíxena permite enfrontar a pandemia ao combinar os coidados coas súas plantas medicinais e harmonizar as persoas coa terra e o territorio. Acúdese aos lugares sagrados, as lagoas e os páramos para revitalizar os sahumerios, recoller as plantas ceremoniais e facer os fogóns nas comunidades.

Á vez, trabállase para fortalecer a comunidade, as autoridades propias e as asambleas, entendendo que o coidado da saúde  nos pobos orixinarios ten un forte carácter colectivo, non individual, como nas cidades. Camiños semellantes aos de CRIC se poden constatar entre as bases de apoio do EZLN en Chiapas, entre pobos amazónicos como o Goberno Autónomo da Nación Wampis, entre moitos outros.

Nas cidades funciónase de maneira diferente, antepoñendo o barrio á vivenda familiar. En particular nas villas de Bos Aires e nas favelas de Río de Janeiro, a consigna de “Queda na casa” non pode funcionar, pola precariedade e o amoreamento, e porque os sectores populares sobreviven con base na venda ambulante e outras maneiras de economía informal ou economía popular, algo que non poden facer se permanecen pechados nas súas casas. Por iso, impúxose a proposta de “Queda no barrio”, facendo do espazo colectivo o centro da sociabilidade popular.

A segunda tendencia dos movementos é a profundización da autonomía alimentaria. En todas as experiencias rexistradas, constátase un retorno á terra, un intento por construír hortas colectivas autoxestionadas de carácter orgánico, en particular nas periferias urbanas. Pódese dicir que constitúe, ao mesmo tempo, un intento por superar as consecuencias económicas da pandemia, pero tamén un desexo de facelo en colectivo, rompendo o illamento individual-familiar imposto polo Estado.

Aínda  é cedo para saber se estas iniciativas perdurarán máis alá da emerxencia, pero parecen formar parte dun desexo de amplos sectores por abandonar a gran cidade para “vivir mellor”, como están a facer con miles de migrantes andinos en Lima (Zibechi, 2020c). Algúns movementos –como zapatistas e nasa- recomendan ás súas bases, non só a intensificación da produción de alimentos, senón tamén a diversificación, como forma de asegurar mínimos niveis de autonomía.

A terceira é a crecente territorialización das resistencias. A maior novidade, é a aparición de múltiples iniciativas urbanas, como as 200 asambleas territoriais formadas ao abeiro do estoupido das revoltas en Chile. Durante a pandemia e o estado de sitio, unhas cantas asambleas optaron por poñer en pé redes de abastecemento por fóra do mercado, contactando directamente cos produtores. Máis sintomático aínda, é a formación xa antes da pandemia, pero profundizada agora, dunha rede de abastecemento feminista, co que pode dicirse que o movemento de mulleres tamén vira, lentamente, cara ao arraigamento territorial. Nas periferias urbanas, como sucede en Temuco (Chile) e en Montevideo (Uruguai), miles de persoas ocuparon terras para construír vivendas, no que supón un desafío frontal á propiedade privada e ao Estado.

Os movementos indíxenas son os que con maior vigor encararon a delimitación e defensa dos seus territorios. O EZLN, nos seus 43 espazos en Chiapas, pechou os caracoles, deixando ás comunidades o tratamento das decisións concretas. A Garda Indíxena do Cauca, pola súa banda, controla setenta puntos de entrada e saída dos seus territorios con aproximadamente sete mil gardas que se rotan na tarefa. Moitos campesiños bloquearon en toda América Latina o ingreso e saída das súas vilas, para asegurarse de que o virus non ingresase nas comunidades.

O cuarto aspecto a destacar é a profundización dos vínculos abaixo-abaixo. O apoio dos sindicatos uruguaios ás comidas populares nos barrios periféricos, as doazóns de alimentos de produtores rurais aos poboadores urbanos, son apenas unha mostra de cómo durante a pandemia se están estreitando vínculos entre pobres rurais e urbanos. Quizais a acción máis chamativa, pola explicitación da solidariedade, sexa a de Bañados de Asunción. Ducias de comidas populares funcionan baixo o lema “O Estado non nos coida. Os pobres coidámonos entre pobres”, nun amplo traballo solidario que conecta estudantes e profesionais con poboadores organizados que viven na maior pobreza.

Por último, pódese constatar o retorno e a potenciación de prácticas ancestrais por fóra do mercado capitalista. Entre as poboacións campesiñas e indíxenas de Bolivia, Colombia e México, constátase  a xeralización de prácticas de troco. Realízanse feiras de troco en puntos e días previamente acordados, sen moeda, pero non se intercambian equivalencias senón que cada quen o fai segundo as súas necesidades. Estamos ante prácticas que se realizan dende hai moito tempo, pero que no medio da emerxencia sanitaria cobran un dobre sentido de resistencia colectiva e de alternativa ao capitalismo.

Raul Zibechi.